Novas por contido

Temos enriba da mesa unha proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo de Cultura e Educación que, resumindo en poucas palabras, destrúe 39 postos de traballo e obriga a traballar polas tardes a determinado persoal. Está prevista unha nova xuntanza para o martes 26 de abril.

O mércores 13 de abril tivemos unha xuntanza co Secretario Xeral de Cultura e Educación para discutirmos a súa proposta (é nova, estando pendente de pechar a anterior de febreiro/marzo sobre centros de ensino).

Na parte de Cultura queren liquidar 30 postos de traballo. Na área de educación, outros nove. A cambio crean 10 postos, tres deles en cultura, os outros sete en educación. Resultado: unha destrución neta de 29 postos.

No medio vai o incremento de nivel de 55 técnicos medios de arquivos, bibliotecas e museos, que pasan do nivel 16 ao 18, equiparando así a todos eles co que remata unha antiga discriminación.

A consellería argumenta que incrementou moito o número de persoas usuarias das bibliotecas e que co persoal que teñen non son quen de atender correctamente os centros. Se esta circunstancia de incremento de carga de traballo a encadramos nunha dinámica de constante destrución de emprego, só queda unha alternativa: empeorar as condicións de traballo dos que quedan para atender máis carga de traballo. Chegamos así á pretensión de Cultura de forzar a todo o persoal das bibliotecas a traballar en xornada de mañá ou tarde, deixando a decisión das quendas ao arbitrio de cada centro. Todos os postos tiñan a observación de que cando quedasen vacantes pasarían a ter xornada de mañá ou tarde. O procedemento seguido por Cultura consiste en retirar a observación de “cando vacante”, forzando xa agora a nova xornada de mañá ou tarde. E por riba, sen compensación económica para o persoal funcionario.

A CIG defende os servizos públicos, e por tanto recoñecemos que poden ser necesarios uns cambios. Pero o que non aceptamos é que sexa a costa de empeorar as condicións de traballo. Cultura ten un camiño doado: ampliar o cadro de persoal, en troques de reducilo como leva anos facendo. Esto podémolo complementar coa negociación dun acordo que ofreza compensacións económicas para quen acepte o cambio. Pero non así, pola imposición de cambios, destrución de emprego e sen compensación, que nos pode levar a un conflito se o persoal decide deixar de prestar colaboración nas tarefas que non son propias da súa categoría profesional ou funcional.

Das tres prazas creadas en Cultura, dúas son para persoal subalterno, cun complemento específico por baixo doutras persoas con similares xornadas de mañá ou tarde. Pero polas súas funcións, pensamos que o máis correcto sería crealas de persoal laboral, grupo V-10E (vixiante de arquivos, bibliotecas e museos). A outra praza que crean é unha xefatura de sección, nivel 25, na Biblioteca de Galicia, cun perfil moi marcado para restrinxir as persoas que poden optar a el. O motivo é que se exixe o requisito de ter feito un curso que tan só impartiu o INAP (a EGAP nunca o fixo).

A seguinte xuntanza será o martes 26. Temos previsto enviar alegacións escritas o venres 22, polo que se queres achegarnos o teu parecer, podes contactar connosco no correo autonomica@cigadmon.gal.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...