Obrigan ao persoal funcionario e laboral a acudir ao centro de traballo a pesar de que o comunicado da Consellaría de Educación suspende as aulas para seguridade do alumnado, profesorado e persoal non docente.

O día de hoxe, 16 de decembro de 2009, a Xunta ven de suspender as aulas nos centros de ensino non universitario a través dun comunicado na súa páxina web que se pode consultar no seguinte ligazón: web educación.

Dende a CIG-Autonómica temos constancia que en moitos centros de ensino están saltándose a suspensión á toreira obrigando ao persoal non docente a personarse nos centros a pesar de que o comunicado da Consellaría é taxativo nese punto:

Esta decisión tómase como medida de precaución, en base á predición feita pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), dun fenómenos meteorolóxico adverso con precipitacións en forma de neve que afectarán a Galicia en cotas baixas a partir das 12 desta mesma noite.

A Consellería de Educación garante deste xeito que non se produza incidencia algunha no acceso dos escolares aos seus centros, así como preserva a seguridade do alumnado, profesorado e persoal non docente.

Dende a CIG-Autonómica condenamos ás presións ás que é sometido o persoal de administración e servizos dende algúns centros obrigándoos a acudir ao centro a pesar do comunicado feito pola propia Consellaría e denunciamos a negativa de certas equipas directivas a dar a orde por escrito a pesar de que explícitamente lle foi pedida.

Indicamos ademais que tomaremos as medidas oportunas que poidan ser pertinentes tanto no ámbito laboral coma no civil e penal para depurar as responsabilidades nas que se poida estar a incurrir.