A nosa resposta, defensa do persoal: convenio, trienios, igualación salarial, concurso de traslados…

Desde a CIG tivemos acceso ao texto do acordo marco que van asinar a FEGAMP e a Consellaría de Política Social e no que se pode ler: “A Fegamp e o Consellería de Política Social consideran que a fórmula consorcial é un modelo perfectamente válido para seguir prestando e cofinanciando servizos socias de maneira conxunta e coordinada entre a Administración Autonómica e a Administración Local”.

Podería este ser o fin da tan loada Axencia Galega de Servizos sociais? A día de hoxe nin a Xunta de Galiza, nin o seu conselleiro de Política social se pronunciaron acerca do mencionado anuncio e do alcance e consecuencias desta nova viraxe no errático devir do Consorcio, pero todo parece anunciar que si.

A falta de información sobre este proceso parécenos unha falta de respecto e consideración para o persoal que traballa no consorcio, a máis dunha falta de seriedade e planificación do que deben de ser os servizos sociais dignos e de calidade para a poboación galega.

Hai só uns días estabamos a negociar a integración e a equiparación de categorías có persoal da Xunta. A xustificación para non aplicar a equiparación laboral e salarial así como a mellora de listas de agarda era que había que esperara á integración nesa Axencia. Todo resulta ser un eterno comezar de novo para non chegar a ningún sitio en canto a mellora das condición laborais do persoal do Consorcio.

Un colectivo de case 2.000 traballadores e traballadoras non pode estar máis de 10 anos sen ter un convenio colectivo que regule e mellore as súas condicións laborais, máis de 10 anos sen poder acercarse ao seu domicilio, non pode seguir a inestabilidade no seu posto de traballo, teñen que funcionar ben as listas de agarda para substituír ao persoal nas súas vacacións, permisos e licenzas.

Desde a CIG, tal e como xa lle anunciamos ao xerente na última reunión celebrada o 17 de abril non imos aceptar máis demoras, futuros marcos legais de integración ou apelar a paciencia e boa fe, queremos o convenio xa!!

Durante todo este tempo é a profesionalidade de todo o persoal do Consorcio o que está a manter uns servizos de calidade para as usuarias e usuarios.

Todo parece indicar que o citado acordo marco FGAMP-Xunta non ten en conta que o persoal non ten equiparados os seus salarios e dereitos co persoal da Xunta de Galiza aos efectos de calcular os custes de funcionamento dos centros de traballo. A CIG non vai pasar por menos que a aplicación das condicións do V Convenio do Persoal Laboral da Xunta de Galiza. Solicitaremos ao xerente do Consorcio e ao conselleiro de política social entrevistas urxentes para que definan dunha vez a situación real da Axencia e/ou Consorcio e comezar de inmediato coas negociacións cara a aplicación do V Convenio. De non ter resposta a CIG tomará as medidas de presión que considere oportunas de cara a conseguir os dereitos que nos son negados, o V Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza.