Novas por contido

Nos últimos anos a situación na que se atopa o CGAI, único arquivo audiovisual e filmoteca de toda Galiza, que alberga tódalas obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego, e ó tempo asume a responsabilidade conferida desde a administración autonómica do apoio á industria audiovisual galega, pode ser calificada de MÁXIMA GRAVIDADE.

Alén de dramatismos gratuitos, desde a CIG queremos poñer en coñecemento da cidadanía, a situación que no momento presente vive o Centro Galego de Artes da Imaxe/CGAI que é, cando menos, certamente delicada.

Encadrado na Axencia Galega das Industrias Culturais/AGADIC, organismo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a supervivencia desta importante estrutura do aparato cultural institucional galego corre un serio perigo de desaparición, unha vez analizada a proposta de modificación da relación de postos de traballo do AGADIC enviada pola Xunta de Galiza ás centrais sindicais.

A formalización desta proposta inverosímil de axuste de persoal propiciada dende instancias da propia administración autonómica, suporía unha reducción de prazas de máis do corenta por cen do persoal co que o centro da coruñesa rúa de Durán Loriga chegou a contar para o seu normal funcionamento.

A situación de deterioro actualmente padecida pola filmoteca galega -que desde a súa fundación mantén a sede nos baixos da Casa da Cultura “Salvador de Madariaga” na cidade da Coruña- responsable por designación administrativa da recuperación, conservación e difusión do patrimonio fotográfico e audiovisual da Galiza, así como do apoio ao sector cinematográfico e audiovisual, non é produto da improvisación, nin nace no presente momento. A supresión da figura da bibliotecaria, coa conseguinte desaparición do servizo de consulta do seu completo fondo bibliográfico, ou a eliminación do servizo de préstamo do seu fondo audiovisual, do que se fornecía de modo principal o sector do ensino, así como a desaparición doutras tarefas desempeñadas por contratados laborais, constitúen un tan demorado como paulatino ACOSO E DERRUBE do Centro Galego das Artes da Imaxe por parte das propias instancias administrativas das que depende.

Á falta de reposto do persoal de programación da filmoteca que non foi cuberta, así como a de parte do resto de persoal anteriormente citado, súmase agora a tentativa de eliminación da metade do equipo de proxección cinematográfica, quedando así reducida esta función a un único proxeccionista, para as dúas quendas de mañá e tarde do centro, quen ademais, como enunciamos posteriormente, asume múltiples tarefas como responsable técnico da institución. A consumación desta drástica eliminación, que supón o 50% de redución de persoal laboral nesta área técnica, afectará drásticamente ó conxunto da programación do centro e ó resto das tarefas reflexadas.

A permanencia do CGAI, con apariencia de feito milagroso, débese realmente ó redobrado esforzo e dedicación do diminuído equipo de traballo que actualmente o conforma. As tarefas dos servizos de arquivo e catalogación (cada vez máis desatendidos como evidencian as torres de caixas e bobinas que se amorean ate o teito), a programación semanal, en dobre sesión diaria, en numerosas ocasións acompañadas de presentacións, conferencias, coloquios e outros eventos incluso musicais e da índole artística máis heteroxénea, coa presenza de importantes autores, etc... os ciclos de divulgación cinematográfica para os máis xóvenes, baixo o título de “CGAI Junior”, e as colaboracións con centros de educación en materia de cursos audiovisuais agrupadas en “Cinema en curso”, que eles sós representan a afluencia de máis de 2500 nenos/as e mozos/as ó ano... a maiores dos pases de prensa, de probas, de equipo de rodaxe para apoio ás diferentes producións audiovisuais en curso na Galiza, ademais dun longo etcétera de imprevistos. 

Unha ampla e completa programación anual, que se traduce nun elevado número de proxeccións coa presenza de máis de dez mil espectadores/as , somentes resulta posible por mor da decidida entrega laboral do equipo de traballadores e traballadoras que co seu esforzo e dedicación suplen o atranco do seu reducido número e que agora a administración galega pretende recortar á mínima expresión.

Dende a CIG denunciamos o camiño iniciado pola Xunta de Galiza que conduce ao desmantelamento encuberto do CGAI así como a incompatibilidade total desta proposta de recorte de persoal e de funcións co fin para o que foi creado o CGAI no seu momento, e que así se reflexa na presentación da súa páxina web, onde aparece, e citamos textualmente:

"Creado por decreto 210/1989 do 5 de outubro da Xunta de Galicia, o CGAI inaugurouse o 15 de marzo do ano 1991, data desde a que vén desenvolvendo as súas actividades nos ámbitos do audiovisual e da fotografía de xeito regular: As súas funcións no ámbito audiovisual, como institución responsable desde a administración autonómica, son: 

  • A programación de proxeccións, exposicións, conferencias, publicacións, etc. co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe.
  • A recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego."

Sería lamentábel confirmar que todos estes movementos respondesen a unha operación de peche encuberto ou privatización, como moitas veces advertimos e denunciamos na CIG, o que suporía un gravísimo -outro máis- magnicidio cultural. 

Único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos, o CGAI é hoxe, logo de 25 anos de vida, un centro de referencia no ámbito do Estado. Dende a CIG denunciamos que a desaparición do CGAI ou a súa confinación a un mero organismo decorativo que é o que a Xunta pretende con esta eliminación de postos de traballo, constitúe unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego.

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.