O DOG núm. 97 de 24/05/2016 publica o acordo entre a Administración e as organizacións sindicais CC.OO, UGT e CSIF sobre o incremento de prazas para a OPE de 2016 na promoción interna para o persoal laboral da Xunta de Galiza; acordo que racha, ainda máis, o V convenio colectivo ao substituírse o punto 4 do art. 9 “As vacantes non cubertas por esta quenda (promoción interna) acumularanse á quenda de acceso libre” polo restritivo “Para a OPE de 2016 as vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna non se acumularán ás de acceso libre”.

Dos 266 postos de traballo ofertados para a promoción interna, só 126 teñen posibilidade de cubrirse xa que se refiren a postos do grupo IV, auxiliares de clínica e condutores autobomba, que ofrecen unha mellora profesional e retributiva de promocionarse dende o grupo V inferior.

Os restantes postos ofertados en promoción interna, 140, non se cubrirán nin se engadirán á quenda de acceso libre ao quedar deserta a súa convocatoria por non presentarse ningún empregado do mesmo grupo xa que son postos que se cubrirán no concurso de traslados aberto a tódalas categorías do mesmo grupo, sen necesidade de superar unha fase de oposición.

A masiva publicidade do governo do PP da Xunta de Galiza, gabándose a toda plana nos medios de comunicación da oferta de 506 postos de laborais, queda nunha miserenta oferta de 366 postos das case que 3.000 vacantes existentes e, para elo e coa conivencia dos sindicatos que non dubidaron e cercenar outra vez o convenio colectivo.

Este acordo, ademais, rubrica o “compromiso” de convocar e resolver definitivamente un concurso de traslados para o persoal laboral fixo dos grupos IV e V. Este “compromiso” do que coñecemos o seu nulo valor confirma a non convocatoria do concurso xeral de traslados; ou sexa que non haberá concurso para o persoal laboral dos grupos I, II e III.

Para este viaxe non facían falla tantas alforxas.