Esiximos o pagamento íntegro e inmediato da débeda recoñecida por múltiples sentenzas xudiciais

Logo das múltiples sentenzas condenando a Xunta de Galiza a devolver a parte devindicada da paga extraordinaria do ano 2013, o Goberno galego acaba de presentar unha proposta ás organizacións sindicais para abonar estas cantidades en dous cómodos prazos (nos anos 2016-2017). Unha proposta que a CIG considera un novo engano do Executivo de Feijoo ás empregadas e empregados públicos.
A CIG demanda á Xunta de Galiza que cumpra a súa propia Lei de Orzamentos do ano 2013 e pague integramente o que os xulgados están recoñecendo como dereito a percibir: a parte da paga extraordinaria devindicada dos meses de xaneiro e febreiro do ano 2013.

Denunciamos a baixa catadura moral do Goberno de Núñez Feijoo, a quen non lle tremeu a man para subtraernos ilegalmente parte da paga extra do ano 2013 e que agora parece que lle doe ter que devolver ese diñeiro.

Dende a CIG criticamos a falta de negociación real do acordo remitido pola Xunta e que este fora anunciado nos medios de comunicación cun claro obxectivo electoralista. A CIG non vai entrar a negociar nin a colaborar de ningunha maneira neste novo engano aos traballadores e traballadoras da Xunta.

Sobre todo, tendo en conta que a Xunta está obrigada, agora, a efectivizar esta débeda, despois dos numerosos xuízos gañados pola CIG, cuxas sentenzas a están obrigando a facer o pagamento desa parte da extra do ano 2013.

Por iso adiantamos que non entraremos a negociar ningún acordo que non recolla o pagamento integro do complemento específico e demais complementos dos anos 2013/14/15/16, tal e como lle temos proposto á Xunta en innumerábeis ocasión a través do Plan de renegociación da débeda salarial, e a recuperación de dereitos retributivos, laborais e sociais e a restitución de acordos sectoriais.