A consellería de sanidade puxo en perigo a saúde da poboación galega durante a folga do persoal funcionario do corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública que comezara o 18 de maio e durou tres semanas, debido a que a consellería priorizou intereses económicos por riba de vixiar a saúde dos cidadáns.

A negativa do conselleiro a sentarse a falar co comité de folga mentres non se desconvocara a folga, incrementou os riscos para a saúde dos galegos e galegas, pois coa súa chularía puido forzar a prolongación innecesaria do conflito.

O conselleiro de sanidade e seu equipo directivo incumpren a Lei do emprego público que o Partido Popular impuxo no Parlamento, en canto que se saltan as normas legais na negociación colectiva.

A saúde, en risco innecesario

Durante o tempo que durou a folga indefinida dos farmacéuticos inspectores de saúde pública, a consellería de sanidade adicou case todos os servizos mínimos ao control do que presumiblemente estaba en bo estado (praias con bandeiras azuis, seguindo as instrucións da Unión Europea), mentres que desatendeu a auga que beben as persoas (fontes e traídas), as piscinas nas que nadan os nenos, e as torres de refrixeración que poden matar persoas por lexionela.

Se durante anos os medios técnicos, a organización e o número de efectivos de inspectores foi insuficiente para garantir a calidade das augas de consumo humano, das augas de baño, e o control da lexionela, moito máis cando case todo o traballo estivo centrado irracionalmente na toma de mostras das praias buscando exclusivamente a consecución de bandeiras azuis para o ano 2017.

A evidencia da irresponsabilidade do conselleiro de sanidade e do seu superior, o Presidente Feijoo, que antepuxeran os intereses económicos á saúde das persoas, levou a que pasadas tres semanas do comezo da folga indefinida, os inspectores acordaron, e o comité de folga comunicou ao conselleiro de sanidade o compromiso de suspender a folga dende o primeiro día en que comezase a negociación formal e mentres esta durase.

En resposta á man tendida de traballadores e sindicatos, o conselleiro sacou a súa chularía, esixindo a desmobilización previa para sentarse a falar.

Amosou o conselleiro ter moita firmeza, pero ningunha capacidade para resolver conflitos. A súa pretensión da derrota previa do contrincante antes de sentarse a falar, e por tanto a posibilidade de levarnos a continuar a folga indefinida, puido poñer en risco aínda máis a xa deteriorada saúde ambiental.

Negociación colectiva. Non teñen palabra

A promesa dunha inmediata negociación inconcreta ía ligada á desconvocatoria previa da folga. Esa foi a palabra dada polo conselleiro de sanidade, pola directora xeral de recursos humanos, polo director xeral de saúde pública, e até polo xefe do gabinete do Presidente da Xunta.

Pero pasaron 11 días dende a comunicación escrita da desconvocatoria ata o día en que alguén recibiu unha comunicación de xuntanza, tempo excesivo que nos puido forzar unha nova convocatoria de folga indefinida: outra vez as persoas responsábeis de sanidade antepuxeron a súa chularía (ou a súa neglixencia) á súa obriga de atender a saúde dos galegos e galegas.

Pero o que por fin chegou pasados eses 11 días foi unha convocatoria do director xeral de saúde pública para sentarse a falar cunha asociación, e non cos representantes sindicais dos funcionarios e funcionarias.

A Lei do emprego público, imposta pola maioría do PP no Parlamento (por eles mesmos), establece unha estrutura de negociación colectiva do persoal funcionario que o propio PP se pasa polo forro. Segundo esa Lei, para a negociación colectiva articúlanse unha serie de Mesas de negociación, con presenza da Administración e das organizacións sindicais máis representativas, elixidas polos traballadores e traballadoras nas eleccións sindicais. Non convocar ás persoas que teñen a representación legal dos funcionarios e funcionarias, e no seu lugar convocar a unha asociación fora das mesas de negociación reguladas, é unha ofensa, unha ofensa á CIG e demais organizacións sindicais, e unha ofensa aos traballadores e traballadoras que escolleron a súa representación nas eleccións sindicais, seguindo o modelo que ditaron no poder lexislativo.

A maiores de non respectar as obrigas da negociación colectiva, as persoas responsábeis de sanidade incumprirían a obriga de negociar baixo o principio da boa fe e a proporcionarse mutuamente a información que precisemos en relación a negociación.

A CIG non acepta o xogo ao que nos queren levar os responsábeis políticos de sanidade, polo que non vai dar por válido ningún pacto ao que se puidese chegar fora das canles reguladas.

Ceses

A CIG valora moi negativamente a chulería do conselleiro de sanidade durante a folga, así como que primase as inspeccións con impacto económico sobre as sanitarias, polo que reclamamos ao Presidente da Xunta que o cese inmediatamente.

Tamén valoramos negativamente á directora xeral de recursos humanos e ao director xeral de saúde pública, por pretender substituír aos sindicatos por asociacións nas negociacións. E como non, isto non o farían sen o coñecemento do conselleiro de sanidade. Por tanto, reclamamos o cese dos tres.