A CIG-Autonómica reclama o uso racional das instalacións públicas e o reforzo deste distrito e 
denuncia que a Xunta de Galiza deixa no abandono a base de helicópteros contraincendios de Valdeorras, en Ourense, que a día de hoxe se atopa pechada e sen depósito de combustíbel. Dende a central reclaman o uso racional das instalacións públicas e o reforzo do distrito forestal “máis complicado orograficamente do país”.
 
helicopteroA CIG vén de rexistrar un escrito diante da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural esixindo un uso racional das instalacións públicas despois de que a Xunta deixase en desuso a base de Vilanova, situada no distrito XIII Valdeorras-Trives, “deixando ao descuberto o distrito coa orografía máis complicada de toda Galiza e cunha riqueza ecolóxica e forestal dun importantísimo valor”.

No texto remitido ao departamento autonómico lembran que se trata dunha instalación na que se investiron centos de miles de euros “e que a día de hoxe se atopa pechada, sen helicóptero e sen depósito de combustíbel para repostar, estando totalmente desaproveitada para a protección do medio”. Salientan que este distrito ten lugares dunha importancia paisaxística económica e forestal enorme: a Serra do Eixe, con máis de 5000 hectáreas de piñeiro silvestre; o parque natural da Serra da Enciña da Lastra ,cunha das escasas concentracións de aciñeiras de todo o país; ou o Teixedal de Casaio, un dos poucos bosques de teixo existentes en Europa.

Nesta zona tamén se atopa o Macizo Central e as Ribeiras do Bibei, así como Xares e Návea. “Todos estes contornos naturais, que contarían cunha altísima protección noutros lugares do continente, parecen quedar aquí ao dispor da sorte, se nos remitimos aos datos deste distrito no que a número de lumes se refire”, denuncian.

Ao mesmo tempo, salientan que este distrito contaba con dous helicópteros anos atrás. “Máis, a día de hoxe, nin helicópteros nin base para recarga de combustíbel, o que nos parece incomprensíbel, xa que conta coa orografía máis complicada e escarpada de Galiza, con accesos reducidos a puntos chave debido ás condicións do terreo”. Por iso consideran un erro que se retiren os medios aéreos “fundamentais” para a súa protección

Finalmente, e ante o anuncio da Xunta de que se vai reforzar o dispositivo contraicendios coa contratación de novos helicópteros, reclaman o reforzo deste distrito con helicóptero e brigada para mellorar a capacidade de extinción, “xa que ademais nesta zona se dan as peores condicións de temperatura e humidade no que a condicións favorábeis para o desenvolvemento de lumes se refire”.