Novas por contido

O goberno de Feijoo continúa avanzando na súa liña de desmantelar o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Tennos acostumados á súa falta de previsión e nula organización.

Xa desde o inicio do seu mandato Feijoo decidiu prescindir da prevención porque ten un custo elevado e non é un bo negocio para os seus amigos das empresas privadas. Van fiando a loita contra os incendios forestais á climatoloxía, sen facer prevención, desmantelando paso a paso o SPDCIF e regalándolle os contratos suculentos ás empresas amigas.

Durante anos o persoal das brigadas helitransportadas era persoal da Xunta, con experiencia e preparación para combater os incendios forestais na primeira liña de lume. A propia Xunta no artigo 3.19 do V Convenio (condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia) comprométese ao mantemento das brigadas helitransportadas existentes e a posibilidade de novas creacións. Nos últimos anos a tendencia é facer a contratación mediante empresa privada, relegando as bases da Xunta á mínima expresión. Este ano, nun chanzo máis no desmantelamento do servizo, as brigadas helitransportadas que aumentaron en relación ao ano pasado tamén serán da empresa privada, na que non hai ningunha garantía da profesionalidade do persoal, contratado nunhas condicións de absoluta precariedade laboral, incluída a seguridade.

E para que o negocio destas empresas sexa seguro e abondoso a Xunta pon á súa disposición as bases que construíu e mantén cos seus orzamentos: heliportos, bases, talleres, depósitos, casetas de vixilancia...

Mentres as brigadas da Xunta teñen unhas bases que en moitos casos non cumpren a normativa de seguridade e saúde laboral as empresas privadas fan negocio redondo utilizando as bases das desaparecidas brigadas helitransportadas da Xunta. Mentres as brigadas da empresa pública SEAGA de Guntín, A Fonsagrada e outras teñen que utilizar como base unha caseta de obra, na que en ocasións a temperatura chega aos 50º, os donos das empresas amigas non teñen que gastar nada na construción, aluguer ou mantemento das súas bases. Xa llo pagamos entre todos.

O goberno de Feijoo ten demostrado que non lle importa nada que arda o monte, que non ten ningunha política definida sobre a explotación, racionalización e mantemento dos nosos montes e que non é capaz de organizar cun mínimo de coherencia o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O único que lle importa a Feijoo é mentir sobre a superficie arrasada polos incendios, ocultar a súa incapacidade para xestionar a loita contra os incendios forestais e regalarlle o negocio aos seus amigos.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...