Dende hai máis dunha semana varias unidades dos servizos de extinción de incendios, teñen que facer o seu traballo sen poder contar coa autobomba debido a que se detectaron fallos no sistema de freado da última remesa de vehículos entregados á Xunta de Galiza.

Nin o Presidente Feijoo nin a súa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, puxéronse en contacto cos representantes dos traballadores para explicar cal é o problema que non só afecta á eficacia para a defensa dos montes contra a vaga de lumes, senón que están a poñer en risco as vidas dos traballadores dos servizos de extinción de incendios (SPDCIF), comezando polos condutores das motobombas e continuando con todo o persoal que fai o seu traballo na extinción ao non contar co apoio destes vehículos.

Coas informacións que dispoñemos a día de hoxe, podemos constatar que en Ourense se procedeu a inmobilización de varias destas autobombas en varios distritos, así coma nos distritios de Deza-Tabeirós, O Condado-Paradanta e Caldas-O Salnés en Pontevedra. Nada sabemos do que ocorre noutros distritos.

A maiores tivemos coñecemento de que nalgún caso o afectado foi o sistema de freado poñendo en risco a vida tanto do condutor como dos alí presentes. Outro problema que se ten detectado é a refrixeración do motor provocando que rebentase o vaso de expansión pola suba da temperatura do motor.

Coa inmobilización dos vehículos sen aportar solución algunha a maiores, prodúcese unha mingua do dispositivo nunha época de máximo risco e de máxima carga de traballo dentro da vaga de lumes que está a soportar o Pais, e con elo o SPDCIF.

Por todo isto a CIG-Autonómica esixe coa máxima celeridade a convocatoria do Comité de Prevención de Riscos Laborais e unha aclaración dende a Consellería de Medio rural para botar luz sobre esta cuestión. Queremos saber que van facer co resto das autobombas entregadas nesta última remesas ou se aínda as teñen en funcionamento.