Representantes da CIG-Autonómica xuntámonos o xoves 22 con En Marea, BNG e PSOE co obxectivo de obter un compromiso de programa de goberno co persoal funcionario e laboral da Administración Autonómica que solucione unha serie de asuntos prioritarios.

Son moitas as contas pendentes dignas de atención, pero de entre todas elas quixemos desatrancar as máis globais e que maior impacto tiveron entre as empregadas e empregados públicos.

BNG, PSOE e En Marea deron a palabra á CIG-Autonómica de que se chegan ao goberno atenderán as seguintes reivindicacións:

  • Derrogar a Lei 1/2012, de medidas no emprego público. Esta lei aprobada polo Parlamento de Galiza cos votos do PP, co Presidente Feijóo en cabeza, implicou: recortes en caso de incapacidade temporal, un fondo de acción social case desaparecido en importes e modalidades, a redución do número de días de asuntos propios, así como a castración do V convenio colectivo.
  • Recuperar a paga extra que nos foi subtraída. En case todas as administracións (estado, concellos e autonomías) tiveron recorte da paga extra no ano 2012, e punto final. O goberno de Feijóo, o máis exemplar cos recortes, retirounos ao persoal funcionario e laboral da Administración Autonómica as extras dos anos 2012, 2013, 2014, 2015, 2016 ...

A CIG-Autonómica tamén contactou co Partido Popular. Non se dignaron a respostar á nosa petición. Pero a estas alturas non agardamos nada de quen promoveu e liderou os asuntos obxecto da xuntanza cos partidos que nos piden o voto o 25 de setembro.