A CIG demándalle á Consellería de Medio Rural a continuidade do persoal de reforzo do verán como consecuencia da prolongación do alto risco de incendios forestais decretado no día 26 de setembro.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, veu de decretar a continuidade do alto risco de incendios forestais a partires do día 1 de Outubro, nun período que se prolongará ata o 15 do mesmo mes. 

A citada prolongación do alto risco de incendios forestais fai que todos os medios continúen activos durante o período establecido, agás o persoal do reforzo do verán, traballadores e traballadoras contratados directamente pola Consellería do Medio Rural e cunha duración contractual de 3 meses.

O cese da actividade do persoal de reforzo de verán fai que a partires do día 1 de outubro, o operativo contra incendios non estea en pleno rendemento, contradicindo polo tanto o dito polo vicepresidente da Xunta de Galiza Alfonso Rueda en días pasados, cando publicamente asegurou “que o Goberno Galego ía mantér activo o operativo especial despregado contra os incendios forestais mentres haxa risco”.

Pois ben, continúa o alto risco polo que dende a CIG-Autonómica denunciamos a falsidade das declaracións do vicepresidente da Xunta de Galiza, declaracións que fixo en plena campaña electoral con intención de arrimar votos para o seu carón e dando falsas expectativas ao persoal contratado no reforzo do verán.

Non só denunciamos o cinismo do vicepresidente da Xunta de Galiza, senón tamén aos propios dirixentes da Consellería do Medio Rural, onde en días pasados diante de traballadores do SPDCIF chegaron a manifestar que o persoal de reforzo do verán traballaría o mesmo tempo que os traballadores da empresa privada. Pois ben, o día 1 de outubro, o persoal da empresa Natutecnia continuará nos seus postos de traballo, namentres o persoal propio do SPDCIF será cesado automaticamente o día 30 de setembro.

Dende a CIG-Autonómica requirimos á Consellería do Medio Rural a que habilite os orzamentos para que o persoal laboral do reforzo do verán (3 meses), traballadores e traballadoras contratados pola mesma Consellería do Medio Rural, continúen nos seus postos de traballo namentres se prolongue o período de alto risco de incendios forestais, cumprindo desta volta o expresado polo propio Vicepresidente da Xunta de Galiza.