Neste sindicato temos recibido queixas dos empregados pola obsolescencia dos sistemas informáticos das oficinas de emprego. Na CIG somos coñecedores de que a AMTEGA iniciou os traballos necesarios para a súa renovación xa a finais de 2015. O tempo pasa e parece que o tema non adianta moito. Puxémonos en contacto coa AMTEGA para saber a que era debido o retraso na implantación do novo sistema e para que nos explicasen como vai ser este plan de mellora da infraestrutura.

Dende a AMTEGA, coma noutras ocasións, non obtivemos resposta ningunha. Chegáronos rumores de que se vai actualizar o sistema, mantendo a arquitectura actual e o software privativo de pago de licenzas a “Mocosoft”.

Vaite preparando, porque seica teñen previsto empezar a facer distintos tipos de probas e experimentos en contornas de produción, polo que os usuarios dalgunhas das oficinas de emprego vos converteredes en "coellos de indias".

Dende a CIG animamos a todo persoal das oficinas a que lles transmita as súas queixas aos seus superiores, á AMTEGA e ás organizacións sindicais, pola falta de información e participación do persoal. Ninguén se molestou en coñecer a opinión particular sobre a facilidade de uso do sistema.

A AMTEGA persiste en comprar produtos de código privativo de Microsoft. Dende a CIG  denunciamos que non se migrase a unha plataforma de software libre, de acceso universal e cun mantemento e mellora que podería desenvolverse de xeito local cun custo máis reducido.