Novas por contido

A xunta retira os helicópteros das bases con persoal propio do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) e mantén a pleno rendemento as bases xestionadas pola empresa privada NATUTECNIA.

Unha vez rematou a tempada de alto risco de incendios forestais, que este ano prolongouse até o 15 de outubro, a Xunta de Galiza – Consellaría do Medio Rural- retirou os helicópteros do SPDCIF das bases nas que conta con persoal propio da administración.

Trátase das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense. Estas bases contan con persoal fixo descontinuo de 9 meses, traballadores da Administración Autonómica que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.

E mentres desactivan o servizo público, o resto de bases xestionadas pola empresa Natutecnia continúan a día de hoxe con todo o persoal de terra e todos os medios aéreos a pleno rendemento.

A maiores do persoal propio das bases helitransportadas, hai que ter en conta que a Xunta de Galiza rematou os contratos do persoal propio de reforzo de verán o pasado 1 de outubro, deixando sen persoal o período correspondente á ampliación do tempo de alto risco decidida pola Xunta (do 1 ao 15 de outubro).

Responde isto á práctica á que nos ten desgraciadamente acostumados a Consellaría do Medio Rural, favorecendo sempre a privatización do dispositivo de loita contra incendios forestais, encargando a empresas privadas a xestión e aproveitamento das bases de utilidade e propiedade pública, perxudicando o funcionamento do servizo coa única finalidade de privatizar e pasar o servizo público a mans privadas.

Lembramos que neste ano aumentouse a duración do contrato das empresas privadas das brigadas helitransportadas, encomendándoselles tamén como novidade tarefas de prevención.

Estamos entón, a día de hoxe, co reforzo de verán do SPDCIF na casa, con brigadas do dispositivo público helitransportado con contrato ata rematar novembro pero sen helicópteros, e coas brigadas de empresa privada a pleno rendemento prestando máis funcións e durante máis tempo.

Dende a CIG reivindicamos, como outras tantas veces, un servizo único profesional e PÚBLICO, que corte de raíz co negocio do lume, negocio do que se está a beneficiar a empresa privada Natutecnia e que foi perniciosamente proxectado dende a Consellaría do Medio Rural.

A respecto de todo isto, no mes de maio a CIG presentou no Parlamento unha Proposición Non de Lei solicitando a ampliación a nove meses do período de traballo do persoal de reforzo de tres meses do SPDCIF, onde demostrabamos que o custe económico desta proposta sería arredor dun millón de euros por ano e provincia, cantidade netamente inferior a empregada nas helitransportadas privadas, demostrando que non se trataba dun problema de cartos senón de vontade política.

Outras novas recentes

Luns, 18 Marzo 2024

A CIG solicita que se volva a abrir o buzón de postos do concurso de corpos especiais

Despois dun breve prazo para formular alegacións, Función Pública pechou o buzón sen responder a máis da metade das alegacións sobre os postos. De todas as alegacións formuladas pola CiG en relación aos postos do concurso de traslados de corpos especiais (inclusións, exclusións, etc) de máis da metade non temos resposta. Hai que facer constar que cando nós alegamos por ter...
Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...
Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.