Novas por contido

Que pasa coas oposicións aos corpos xerais da Xunta? Dende fai semanas estamos a recibir moitas queixas, e con razón, sobre o lento desenvolvemento dos procesos selectivos de Corpos Xerais da Xunta de Galiza. Ao xa de por si indeterminado tempo que pode transcorrer entre a publicación da Oferta de Emprego Público e a da convocatoria, únese a inconcreción nas datas de realización dos exercicios e o exceso nos prazos entre cada un destes.

Os procesos máis afectados polos atrasos son:

  • A2 promoción interna: segundo exame 27 de xullo e aínda sen notas; xa pasaron os prazos do terceiro (galego).
  • C1 promoción interna: segundo exame 14 de xullo e notas o 7 de outubro con modificación posterior o 17 de outubro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública).
  • C2 promoción interna: segundo exame 22 de xullo e notas o 29 de setembro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública)
  • C2 libre: primeiro exercicio 15 de xullo e notas o 29 de xullo; o segundo estaba previsto desde setembro para esta primeira quincena de novembro; incumprido.
  • A1 promoción interna: aínda non están publicadas as notas do segundo exame realizado o 28 de setembro e en breve incumprirán tamén o prazo para realizar o terceiro exame, previsto para a segunda quincena de novembro; o 16 de setembro ampliaron o prazo por 20 días.

A CIG vén de protestar diante do director xeral da función pública pola paralización da maioría destes procesos e demanda axilidade na súa realización. Dende función pública botan balóns fóra e culpan aos distintos tribunais polo atraso. Non abonda con promesas de darlles un toque de atención.

Cumprir os prazos é fundamental pois non facelo xera inseguridade xurídica nos opositores e fai que esta incapacidade da Administración galega obrigue a suplir a súa falta de planificación cos meses e anos da vida persoal e familiar dos opositores porque nunca saben cando van ser os exames con precisión.

En canto ao atraso específico do segundo exercicio do C2 chéganos a información de que está relacionado coa vindeira adquisición de 450 equipos informáticos por parte do AMTEGA. A escusa resulta novidosa pois ata agora afirmaban que era cuestión das vacacións do tribunal. En todo caso, resulta incrible a pouca planificación de convocar un proceso sen prever e ter o equipamento necesario. Por non falar de que pasou cos equipos que viñan utilizando na última convocatoria ou na proba informática do C2 de promoción interna.

Desde a CIG non cremos que a solución global pase por puntuais chamadas de atención aos distintos tribunais que se exceden dos prazos, que é a tónica xeral. Primeiro habería que pór prazos globais máximos e dotar dos medios suficientes para cumprilos.

O camiño que segue a Xunta con estes adiamentos non é novo; nada cambiou dende que se fixeron as primeiras oposicións nos anos 90. Nunca se sabe cando se publicará a Oferta de Emprego Público; moito menos cantos anos máis tarde sairá a convocatoria de proceso selectivo; e despois de convocado seguen as continuas dilacións na súa execución. Neste senso, axudaría ter Comisións Permanentes de Selección.

A sensación xeral é que manda a impunidade, que a realización das oposicións chegan cando chegan e nada se pode facer por planificar a súa execución. A CIG ten valorado tomar medidas xudiciais, pero esta vía ten moi poucos visos de ser a solución: o feito de denunciar no xulgado a demora nos procesos selectivos, a efectos prácticos non se vai conseguir nada porque cando o xuíz/a resolva sobre o incumprimento dos prazos probablemente o exame xa estea feito. E porque sempre se corre o risco de que o xuíz/a anule todo o proceso selectivo, risco que ninguén quere asumir, as persoas participantes no proceso as primeiras.

Función Pública vai moi ben a golpe de procesos electorais. E cando non hai votacións á vista, ditala e atrasa os procesos ao máximo, porque mandan máis as autolimitacións orzamentarias que a necesidade de recursos humanos.

En calquera caso, desde a CIG seguiremos esixindo previsión e axilidade na realización dos procesos selectivos na Administración Autonómica e medios para conseguilo, o cumprimento dos prazos, a esixencia de responsabilidades, así como solicitando a modificación da designación dos tribunais.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...