O pasado outono, asistimos a un acoso mediático no que se nos alertaba do perigo dunha pandemia de gripe provocada por un novo virus denominado N1H1. Ante tal circunstancia, dende as distintas Administracións, estableceuse todo un proceso preventivo consistente en campañas publicitarias con  recomendacións, consellos de cómo actuar, establecemento de protocolos e unha gran inversión económica en vacinas.

Pasado o tempo, e visto o acontecido; a maioría da opinión pública considera que se xerou unha alarma desproporcionada e que, o acontecido, parece respostar a intereses de negocio das empresas relacionadas coa fabricación de medicamentos.

Do que non se informou nin se deu publicidade algunha foi á pandemia que ía producirse nas nóminas do persoal que traballamos para as Administracións Públicas. Pero o certo é que, de súpeto, a xente atopouse con que as retribucións líquidas reflectidas nas nóminas do mes de xaneiro son inferiores ás percibidas no ano 2009.

Diante desta situación, non acertamos a coñecer os motivos da ausencia de información desta nova pandemia; aínda que si podemos intuír as causas que a provocan. A enfermidade que afecta  aos salarios do persoal ao servicio das Administracións Públicas denomínase “Sindicalismo Parasitario”; e está provocada polos Virus CCOO, UGT e CSIF; ten a súa orixe no centralismo mesetario, e estase a estender de xeito invasivo a todos os ámbitos profesionais e territoriais do Estado Español.

Os síntomas máis suliñables desta nova pandemia son a constante perda de dereitos laborais e a unha notable diminución do poder adquisitivo das retribucións que perciben os traballadores e traballadoras que prestamos servicio para as Administracións Públicas; acompañada dun permanente desprestixio dos mesmos Servicios Públicos dos que formamos parte.

Os virus causantes desta pandemia, están en conivencia co Goberno de turno par así (pacto tras pacto) poder seguir engordando gracias ás subvencións que este lles facilita, ademais das comisións que perciben pola súa xestión dos importes detraídos dos nosos salarios para incrementar o fondo de pensións.

As autoridades competentes (sanitarias ou non) non advirten desta enfermidade (crónica) porque non recoñecen os síntomas, ao entender que non estamos a ter perda de poder adquisitivo das nosas retribucións; o que simplemente acontece é que estamos a ter incrementos negativos.