O xoves 13 de abril comeza o período de Alto Risco - no que a loita contra incendios forestais se refire - declarado pola Consellería do Medio Rural.

Como ven a ser costume, ao mesmo tempo que se declara a situación de alto risco por razóns de vento e previsións para os vindeiros días, non se activa ao persoal propio da Administración destinado pola mesma para o período de Alto Risco.

Estes motivos meteorolóxicos levaron á Xunta a suspender todo tipo de queimas de restos agrícolas e forestais, xustificando a toma da decisión logo de analizar os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco do lume.

Ó mesmo tempo piden á cidadanía que extreme as precaucións, é dicir que a situación está catalogada pola propia Xunta a todos os niveis de alto risco de incendio forestal.

Denunciamos que nestas condicións, os traballadores e traballadoras de reforzo para as tempadas de Alto Risco, pertencentes ao persoal propio do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural, siga sen ser contratado unha vez a propia Xunta declara a situación de perigo de incendio Forestal.

Como xa temos reiterado - e denunciado - en innumerábeis ocasións, a CIG esixe que este persoal de reforzo deixe de ser tal e pase a ser contratado por un período mínimo de nove meses como recolle o Convenio Colectivo, a maiores dende que a propia lei de protección civil inclúe ó Spdcif dentro dos dispositivos de emerxencias facendo que desapareza a estacionalidade do Risco. Atallaríase así en boa medida este despropósito da improvisación continua na xestión da prevención e da defensa contra os incendios forestais ós que por desgraza tenos acostumadas a Consellería do Medio Rural.