A sorprendente aparición nas delegacións territoriais de Traballo dun continxente de persoas que se   apoderou de ordenadores públicos e se puxo a traballar con expedientes da Lei de Dependencia, mecanizando datos e facendo cuantificacións, non pasou inadvertida aos traballadores desta consellaría.

A CIG constatou que non se trataba de compañeiros chamados das listas de substitucións, senón que eran empregados da empresa PLEXUS. S.L.

A Conselleira de Traballo volta a incumprir a legalidade vixente nun claro caso de cesión ilegal de traballadores.

Pero que é PLEXUS S.L.?

Esta empresa arrimada ao poder ten por apoderado a Antonio Agrasar Cascallar, asesor da Xunta e da TVG nos tempos de Fraga. Tamén foi directivo de PLEXUS Xosé María Sánchez González, ex-secretario xeral da Consellería de Cultura. O superior de ámbolos era o conselleiro Xesús Pérez Varela.


ADXUDICACIÓNS POLÉMICAS A PLEXUS S.L.

PORTO EXTERIOR DA CORUÑA. PLEXUS recibiu ao redor de 700.000 € da UTE que constrúe o porto exterior da Coruña, por un contrato de “Relacións Públicas”, contrato que foi anulado no ano 2008 polo presidente do Porto ao constatar que en realidade era pagado con cartos públicos e que era un “gasto ocioso”.

CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA. Anteriormente, no 2004, outra empresa de Agrasar, BRETEMA S.L. foi premiada co plan de promoción da sociedade da información de Galicia.

TVG. Recibiu tamén enormes donativos en forma de contratos para as súas empresas cando era asesor do ente público.

VOLVO OCEAN RACE. A Fundación para o Deporte Galego tamén premiou as empresas de Agrasar concedéndolle a posta en marcha da páxina da Volvo Ocean Race.

CIDADE DA CULTURA. Este personaxe, próximo a Pérez Varela, estivo rodeado de polémica, ao estar no centro do debate sobre as irregularidades da Cidade da Cultura.

No caso dos contratos do Gaias o Consello de Contas fixo constar en 2001, que a fundación Cidade da Cultura contratou tres veces á mesma compañía para o mesmo fin con procedementos negociados sen publicidade por importes próximos aos 120000 €.

XACOBEO 2010. Feixóo ven de premialo novamente adxudicándolle a web do Xacobeo, que xa en liña cumpría cos requisitos do prego de condicións antes da adxudicación, entre outras puntos escuros como a apertura das ofertas económicas sen a presencia de outras empresas candidatas.

Sorprendentemente estes cambios foron aplicados na web pública antes de que se resolvese o concurso rexido polo prego de contratación.


No caso que nos ocupa, PLEXUS, estende os seus tentáculos ata as delegacións de Traballo creando varios problemas que pagaremos todos:

  1. A cesión ilegal de traballadores pode desembocar en denuncias para que este persoal pasen a ser laborais indefinidos da Xunta.
  2. As listas de substitucións non se moven, xa que eses postos están cubertos por xente dunha empresa privada, condenando ao paro a compañeiros que tiñan expectativas de ser chamados polas listas.
  3. O erario público se desangra para manter as empresas dos amigos.
  4. Privatízase a xestión dunha materia tan sensíbel como son os expedientes da Dependencia.


Pero para contratar á empresa do amígote e encherlle os bolsillos primeiro houbo que planificar esta manobra na Consellaría de Traballo. Esta Consellaría adicouse o último trimestre do 2009 a pedir interinos das listas de substitucións cun requisitos especiais e absurdos que poucos cumprían, dilatando así os prazos e facendo que de chamamentos a 30 ou 40 interinos só 2 ou 3 puideran traballar. Esta forma de actuar, IMPEDINDO CONSCIENTEMENTE CUBRIR OS POSTOS DE TRABALLO mediante persoal das listas, foi a xustificación perfecta para recorrer aos servizos de PLEXUS.

A CIG-Autonómica xa presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e onte, 2 de febreiro unha Inspectora de Traballo se personou nas dependencias da Delegación de Traballo en Vigo. Por outra banda, tamén a CIG-Autonómica vai presentar tamén unha denuncia ante a Axencia de Protección de Datos.