Resumo da xuntanza extraordinaria do Comité de Seguridade e saúde Laboral CMAOT área de medio ambiente do día 5-06-2017  no que se tratan os documentos de Avaliación de riscos e o Plan de traballo na prevención dos riscos laborais:

PLAN DE ACCIÓN DOS TRABALLOS DE CAMPO NO SERVIZO DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA
Dende a CIG presentamos mais de 25 achegas ao plan das que salientamos: a falla de análise dos riscos sicosociais que nin sequera se contemplan; a falla nas visitas para a identificación dos riscos; o método que mestura tarefas e non avalía as actividades por postos como indica a normativa; a responsabilidade das medidas correctoras  nos axentes territoriais…Porén consideramos que se ten que comezar xa coa aplicación das medidas preventivas, que levan máis de 20 anos de retraso e solicitamos a mellora do Plan en base as achegas das OOSS e unha nova avaliación de riscos durante o 2018 en distritos diferenciados e centros de traballo para que se recollan as especificidades e funcións.

BORRADOR DE VEHÍCULOS SERVIZO DE CONSERVACIÓN NATUREZA.

Adquisición mediante a modalidade de renting, non definen número nin o persoal e/ou función que se van a realizar cos vehículos. Aínda así, presentamos achegas mellorando o equipamento en seguridade e funcionalidade como: o bloqueo diferencial, cabrestante, ou cargadores independentes, maleteiro estanco e lavable, vehículos rotulados, iluminación V1, moitas delas medidas xa previstas no Plan de Acción do que falamos antes…

PROTOCOLO DE VESPA VELUTINA

Apróbase o Plan de Acción. Pendentes da próxima formación e entrega do kit de anafilaxia e dos análises médicos/probas alerxia himenópteros.

GRIPE AVIARIA

Rematou a alerta deste ano. Dende a CIG xa denunciaramos improvisación e rebaixa nos EPIS e graves deficiencias nas medidas de limpeza e desinfección dos vehículos para o transporte de animais. Propomos que se aplique de xeito xeral e permanente o “Plan de acción dos traballos de campo” onde as medidas para recollida e traslado da fauna son incluso mais esixentes que as de gripe aviaria deste inverno. Así protexémonos de riscos como a salmonela, brucelose, septicemias, Chlamydophila psittaci e outras…ademais da gripe aviaria. Tamén esiximos a revisión do protocolo (o actual data de 2006 ) e auditar e facer simulacros para verificar a súa correcta execución polo perigo para explotacións animais e as persoas supón a dispersión do virus.

Acordase vindeira xuntanza en xullo para a revisión das achegas presentadas e aprobación do plans de acción e proposta vehículos, e seguimos a esixir o cumprimento das medidas preventivas que garantan unhas condicións laborais dignas nas que non arrisquemos a nosa saúde.

Achegas da CIG ao  borrador de renovación do parque móbil e achegas a documentación preventiva.


CONTIGO E COA A CIG, A LOITA CONTINÚA…