Novas por contido

Unha vez que os Orzamentos Xerais do Estado do ano 2017 foron aprobados polo Parlamento español, dende a Dirección Xeral da Función Pública convocou ás organizacións sindicais representativas na administración autonómica, para informar de cuestións derivadas da Lei de Orzamentos.

Nesta xuntanza exprés, escasamente media hora, o Director Xeral da Función Pública deu información, que en gran medida xa era coñecida por todos e todas nós, pois ven derivada da aprobación dos citados Orzamentos do Estado:

 

  • Procederán a modificar a Lei de Orzamentos de Galiza para facer efectivo o incremento salarial do 1% para o ano 2017 con efectos económicos dende o 01/01/2017. Contan con aplicar ese incremento, se é posible, na nómina de xullo; se non fose posible quedaría para o mes de agosto. O incremento será dunha media de 150 ou 200 euros por traballador/a.
  • Contemplan un plan de redución da temporalidade a executar nos anos 2017, 2018 e 2019 en postos cubertos con carácter ininterrumpido dende o 31/12/2013 ata o 31/12/2016 nos ámbitos de Educación, Sanidade, Servizos Sociais e políticas activas de emprego.
  • Para o resto de ámbitos en postos cubertos con anterioridade ao 01/01/2015, remítense á futura negociación dos Orzamentos de 2018.
  • Ambos plans de redución da temporalidade non computarán a efectos da tasa de reposición de efectivos e a súa intención é reducila a un nível do 8%.
  • Na terceira semana de xullo teñen intención de convocar aos sindicatos a unha xuntanza para fixar os criterios de execución das ofertas de emprego derivadas deses plans de redución da temporalidade.

CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

Delegadas e delegados da CIG realizaron unha concentración o mércores 28 de xuño diante da Delegación do Goberno na Coruña, para reafirmar o rexeitamento aos orzamentos estatais que veñen de ser aprobados e que non contemplan a reposición de dereitos roubados aos empregados/as públicos nin a recuperación do emprego e, pola contra, afondan no desmantelamento dos servizos públicos.

A aprobación final dos orzamentos confirma que este ano 2017 vai supor un avance máis na destrución dos servizos e do emprego público (nestes momentos xa desapareceu un 8% do emprego público con respecto ao inicio da crise).

Pero con esta mobilización tamén se quere ratificar a oposición ao "Acordo para a mellora do emprego público" asinado por CCOO, UGT e CSIF en Madrid no ámbito das administracións públicas, cuxa parte dispositiva non vai máis alá "dun lavado de cara para o Partido Popular", ante o incremento das taxas de precariedade no emprego público e as reiteradas sentenzas xudiciais que cuestionan as taxas de reposición impostas nos últimos anos a través da lexislación básica estatal.

A CIG denuncia que este acordo non só non elimina as taxas de reposición (que se manteñen na Lei de Orzamentos do estado para 2017 nun 50% con carácter xeral e no 100% para servizos esenciais), senón que se consolidan "agora co parabén dos sindicatos estatais". A limitación nas taxas de reposición son a causa principal da extensión da precariedade nas administracións públicas, unha precariedade da que a CIG responsabiliza á política destrutiva do PP e que afecta a entre un 30 e un 40% do seu cadro de persoal.

Imposibilidade de crear de novas prazas

Neste senso, o único que se recolle nese acordo é a posibilidade de incluír nas ofertas de emprego as prazas estruturais vacantes ou con sentenzas de indefinidos non fixos xa existentes nos cadros de persoal, pero non posibilita a creación de novas prazas en ningunha das administracións. O acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF supón unha renuncia expresa a recuperar todo o emprego público perdido durante estes anos e a incorporar prazas estruturais que permitan recuperar a prestación directa de servizos esenciais que foron privatizados.

Non se recuperan os dereitos roubados

Xunto a isto, dende a CIG denunciamos que ese publicitado acordo tampouco contempla a recuperación dos dereitos laborais suprimidos nin das condicións salariais recortadas, iniciadas polo goberno de Zapatero en 2010 cunha rebaixa do 5% da masa salarial e que seguiron recortando tanto o goberno de Mariano Rajoy como de Feijoo na Xunta de Galiza. Nada se di da recuperación do poder adquisitivo (nos Orzamentos estatais só se contempla un incremento do 1% para este ano), nin da recuperación dos fondos de acción social, nin da volta á xornada laboral anterior, nin tampouco da recuperación do complemento do 100% nos casos de IT. Para a CIG, o principal interese do goberno español por acadar ese pacto é solucionar o problema que teñen as administracións públicas coas numerosas sentenzas que declaran a fraude de lei nas contratacións temporais.

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...