Este pasado martes, 20/02/2018, debateuse no Parlamento de Galiza a proposición de Lei, presentada pola organización política EN MAREA para a derrogación da Lei 1/2012, de medidas temporais do emprego público de Galiza.

Esta proposición de lei é a continuidade das accións seguidas, ano tras ano, na que nos reunimos cos partidos políticos do Parlamento, incluso co PP, para a derrogación desta Lei e a non inclusión nos orzamento anuais da suspensión do artigo 19 do Convenio Colectivo.

Esta proposición pretendía a derrogación da Lei agás o que se refire ao mantemento da suspensión do plus dos ex altos cargos.

En Marea, PSOE e BNG argumentaron e xustificaron a urxencia da súa derrogación. Argumentos como a temporalidade da lei, de dous anos ou que a súa vixencia é condicionada a subsistencia das difíciles circunstancias económicas e xa foron superadas. Así, xa vai para 6 anos dende a súa promulgación, que foi unha verdadeira involución da negociación colectiva e un paso máis da reforma laboral do goberno de Madrid.

Os indicadores económicos, dos que tanto se gaba o presidente da Xunta, acreditan que o produto interior bruto no ano 2015 creceu nun 3,2%, no ano 2016 mellorou nun 3,4% e no 2017 estará arredor do 2,7%. Mesmamente, na exposición de motivos das diversas leis de orzamentos destes últimos anos, se acredita esta mellora das contas públicas de Galiza e se recoñece o esforzo feito polos empregados públicos cos recortes económicos e sociais que sufriron.

Tamén foi alegado que os recortes da Lei 1/2012 teñen un enorme custo para a saúde e para a conciliación da vida laboral e familiar dos empregados públicos como consecuencia da suspensión dos descansos adicionais polo traballo en festivos e domingos e pola suspensión do descanso de dous días naturais por semana de traballo, pola usurpación do fondo de acción social, etc.

Pos ben, aínda con todos estes argumentos e a pesares dos reiterados discursos de Feijoo de que os/as empregados/as públicos/as teñen que recuperar os dereitos perdidos polo esforzo que se lles pediu en tempos de crise económica, o Partido Popular votou en masa contra esta proposición de Lei.

Un dos argumentos esgrimidos polo portavoz do PP foi o carácter mutante desta proposición xa que agora non se pide a derrogación da totalidade da lei como se presentaba ata o de agora, senón que se pretendía deixar vixente a suspensión do plus dos funcionarios que fosen ex altos cargos da Xunta.

O Presidente da Xunta de Galiza mente cando vende a recuperación dos dereitos das persoas empregadas públicas.