Cando na Mesa Xeral das Administracións Públicas de Madrid de marzo nos puxeron diante o Acordo de mellora do emprego público e condicións de traballo xa previamente negociado ás agachadas e asinado por CCOO, UGT e CSIF para que o subscribíramos, dixemos NON polas razóns que expuxemos en duas notas informativas: 1) Acordo de Madrid: nin recuperación salarial, nin 35 horas, nin fin dos descontos por IT. Que nos queren vender? e 2) Si unha equipa galega gaña a liga, ou por que dificilmente cobraremos a suba pactada

Pero había outro punto na Orde do día da Mesa Xeral: aprobar unha serie de modificacións do Acordo AFEDAP, de formación das persoas empregadas públicas.

Este presentaba no seu articulado unha novidade a salientar: todo un capítulo destinado ao financiamento de accións formativas dirixidas a delegados/as e cadros sindicais no sector público. Mesmo incluían a quenes nin sequera tivesen a condición de empregados/as públicos/as. isto último finalmente retirado xa que sendo manifestamente ilegal tiña incluso o informe negativo da Avogacía do Estado, pero danos idea de ata onde querían chegar.

No texto do Acordo aparece o seguinte: “No seo do grupo de traballo do Acordo de mellora de emprego do 2017 “..accederase ás accións formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva e o diálogo social”. Así de barroca a redacción para que se entenda canto menos mellor.

Na Mesa preguntamos directamente á Secretaria de Estado de Facenda pola contía que ían destinar ao financiamento de formar delegados/as sindicais, xa que ese dato non formaba parte da documentación entregada. A Secretaria de Estado afirmou que sería superior aos 5 millóns de euros, o que implica que un 9% do total dos 58 millóns de euros dos plans de formación serían para formar a cadros sindicais.

Dende a CIG amosamos a nosa disconformidade con este apartado do AFEDAP, que só foi compartida polo sindicato vasco ELA, ao entender que a formación interna dos delegados e delegadas sindicais debe ser sufragada cos fondos propios das organizacións sindicais e non co detraído para a formación dos/das empregados/as públicos/as e que os cartos de formación deben destinarse na súa integridade a formar a todos os traballadores e traballadoras públicas, reforzando a formación continua.

Recapitulando,

  1. Formar a delegados/as sindicais NON É FORMACIÓN AS/OS EMPREGADAS/OS PÚBLICAS/OS.
  2. Os 5.000.000 de euros non saen da Administración senón DAS NOSAS PROPIAS NÓMINAS como persoas empregadas públicas.

Todo isto, ademais de algo moi feo é unha estafa aos traballadores/as e por iso, e como había que coller o lote completo, pois non aceptaron a petición da CIG de retirar este turbio asunto do Acordo de Formación, NEGÁMONOS a asinar esa modificación que é un NEGOCIO REDONDO para CCOO, UGT e CSIF que son os sindicatos que non tiveron reparo en asinar.