O xoves 12/04/2018 asistimos a unha xuntanza convocados por Medio Ambiente interesada en coñecer as posturas dos representantes dos traballadores sobre as funcións da escala de gardas de recursos naturais.

En realidade, o que busca Medio Ambiente é trasladar ás organizacións sindicais un problema creado por eles mesmos cando unilateralmente, sen negociación, decidiron crear a escala na Lei de medidas fiscais e administrativas do ano 2018 (coñecida como Lei de Acompañamento). Tres meses despois de publicada a lei, decátanse de que o texto publicado recolle unhas funcións diferentes das aprobadas polo Parlamento, ao esqueceren, segundo afirman, de transcribir unha emenda que fora aceptada en trámite parlamentario.

A CIG reclamou o cumprimento do acordo pactado entre Sindicatos e Administración no ano 2008 polo que se procedería á reclasificación do actual grupo V de vixiantes, acordo incumprido pola Administración. Lembramos as nosas alegacións á Lei de Acompañamento do 2018, onde defendiamos a retirada da creación da nova escala, a renegociación total desta, incluíndo as funcións, e o cumprimento do acordo do 2008. O Partido Popular tirou para adiante sen facer o máis mínimo caso ao solicitado polos representantes dos traballadores.

Para a CIG resulta absurda a existencia da escala de gardas de recursos naturais ao tempo que existe a escala de axentes forestais (a extinguir). Pensamos que esta última ben podería servir para unha futura integración voluntaria dos actuais vixiantes, proceso que debe ser posterior ao cumprimento do acordo do 2008, e revisando as funcións no seu conxunto.

Trala intervención dos demais sindicatos e a resposta de Medio Ambiente, queda claro que a Administración desbota a proposta da CIG. Medio Ambiente só acepta falar sobre a retirada ou non da función de “policía” dos futuros gardas de recursos naturais. Ante a imposibilidade de avanzar na proposta da CIG, propómoslle un cambio da actual redacción, da segunda función da escala, que quedaría do seguinte xeito: “Custodia da riqueza ictícola e cinexética así como dos espazos naturais, formulando as denuncias que procedan no seu ámbito, actuando como policía en colaboración e auxilio cos axentes forestais e medio ambientais”.

Ao noso entender, e conscientes de que non vai satisfacer totalmente a ningunha das partes, o cambio proposto podería salvagardar os intereses de todos e todas.