O "II Acordo para a mellora do emprego público e condicións de traballo", asinado en Madrid por CCOO, UGT e CSIF, pon en perigo a convocatoria do concurso de traslados horizontal.

Na enésima xuntanza polos criterios xerais dos concursos de traslados que tivemos o 18 de abril de 2018, Función Pública manifestou que pretende eliminar o concurso de traslados horizontal de persoal laboral recollido no V Convenio Convenio Colectivo.

A xustificación que dá Función Pública é que a convocatoria do concurso horizontal causará problemas na aplicación do acordo de estabilidade.

A solución de Función Pública pasa por contar co beneplácito das Organizacións Sindicais para recortar unha vez máis o V Convenio e eliminar de xeito “transitorio” o concurso horizontal. Así, na vindeira semana remitirá unha proposta neses senso.

A CIG rexeita recortar o V Convenio e considera un insulto e unha ofensa para o persoal laboral que despois de seis anos agardando polo concurso de traslados, Función Pública pretenda sacar adiante un concurso capado e só para os grupos IV e V.

A desfeita sería considerable tendo en conta que este podería ser o último concurso de traslados de moitos laborais de facerse efectiva a funcionarización que pretende executar Función Pública e da que non temos máis que o nome.

Dende a CIG esiximos con carácter inmediato un concurso de traslados de todos os grupos e categorías con carácter anual, tal e como recolle o V Convenio.

Agardamos non ser os únicos nesta demanda....