Nunha sentenza do 5 de xuño de 2018, o Tribunal Supremo vén de desestimar o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza contra a sentenza gañada pola CIG no 2015 na que o TSXG ditaminou a ilegalidade do disposto no artigo 3.2 do Decreto 1/2014, de 29 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, impoñéndolle á Xunta 1.500 € de costas.

Ese artigo 3.2 estipulaba un sistema de provisión ilegal para a Dirección do centro, quedando aberto a ser ocupado por persoas que non tivesen a condicións de empregadas públicas.

Ante a solicitude de execución de sentenza que a CIG fixo en xullo de 2015, a Xunta de Galiza fixo caso omiso e nun intento soez de estirar o chicle, en novembro de 2015 interpuxo un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Entretanto, dous anos e pico despois da solicitude de execución de sentenza, a Xunta de Galiza modificou o decreto de creación do citado centro nos termos en ditaminados polo TSXG, mais continuou adiante co recurso de casación que o Tribunal Supremo vén de desestimar agora condenando á Xunta a unhas costas de 3.000 €.

4.500 € de costas en total. Un exemplo máis da dilapidación dos cartos públicos por parte dunha Xunta de Galiza que xoga cos intereses e cos cartos de todos os galegos e galegas sen que ninguén asuma responsabilidade de ningún tipo.