• O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Xunta de Galiza e o INSS discriminan ás mulleres que estiveron en suspensión por maternidade no ano 2017.
  • A data de hoxe as traballadoras do Consorcio que tiveron un/ha fillo/a no 2017 non se beneficiaron do incremento da base de cotización como consecuencia do Acordo asinado entre Xunta e sindicatos para a Integración, no que se lles recoñecía, por fin, o pago de trienios con efectos económicos de xaneiro de 2017.

A pesar de ser avisados en diversas ocasións pola CIG de que se tivera en conta a situación do persoal en suspensión por risco durante o embarazo e por maternidade sempre se nos manifestaba que era unha cuestión que tiña que resolver a Seguridade Social. Pedímoslle que comunicaran de oficio a modificación das bases de cotización ao INSS destas máis de 50 mulleres pero non se fixo, polo que tiveron que solicitar de forma individual as súas bases de cotización e reclamarlle a Seguridade Social. As primeiras respostas chegaron estes días no sentido de non estimar a súa petición porque “ a retroactividade non pode exceder de 3 meses”.

Diante desta situación de pase de pelota entre distintas administracións solicitámoslle ao Xerente unha reunión con él e con Función Pública para rematar con esta grave discriminación que sufriron aquelas mulleres que quedaron fora da aplicación do Acordo polo feito de estar parindo e coidando aos seus fillos/as.

A CIG solicita de Función Pública e o Consorcio que implementen unha partida económica especial que cubra o incremento salarial que tiveron as bases de cotización dende xaneiro de 2017 as mulleres que estiveron en situación de maternidade durante ese período, como pago extraordinario de atrasos e solucionar entre administracións a diferenza de criterios que puideran existir.

O Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar cun cadro de persoal maioritariamente feminino non pode manter máis tempo este problema e que dende a CIG denunciamos como discriminación por razón de xénero.