No ano 2009 produciuse unha variación significativa na vixilancia da saúde da Xunta de Galicia: os recoñecementos médicos do persoal que traballa en localidades pequenas efectúanse SÓ en instalacións propias da mutua (MUGATRA) e polo tanto SÓ en localidades grandes. En anos anteriores estes recoñecementos se concertaban con clínicas externas nas localidades onde existían centros de traballo da Xunta por carecer alí MUGATRA de locais propios.

A consecuencia inmediata desta variación é que unha parte importante de traballadores están deixando de efectuar os recoñecementos médicos por ter que desprazarse obrigatoriamente fora da súa localidade. Hai que ter en conta que nalgúns  casos as distancias son considerables.

Na provincia da Coruña, por exemplo, os traballadores e traballadoras de Ortigueira, As Pontes e Cariño teñen que desprazarse pola súa conta a Ferrol, carecendo de transporte público axeitado ao horario das citas. Dende o punto de vista empresarial tampouco esta medida é moi beneficiosa dado o tempo que se perde, en horario de traballo, nos desprazamentos.

Segundo a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais, a vixilancia da saúde é un dereito dos traballadores cuxo custo debe ser asumido pola empresa. Así o dispón tamén a propia regulamentación da Xunta de Galicia en aplicación  para o seu persoal. Polo tanto, correspóndelle a Xunta facilitar o exercicio dun dereito que nos corresponde como traballadores e traballadoras, sen que isto supoña un gasto adicional.

Dende a Xunta de Delegados/as de Persoal da Coruña deuse traslado xa en decembro desta problemática ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais pero a día de hoxe este aínda non deu ningunha resposta positiva. Dende a CIG-Autonómica, e conscientes de que esta problemática se estende ao resto de provincias galegas, reclamamos que para os recoñecementos médicos non realizados nin citados ata o momento (por exemplo o persoal dos centros educativos) e para os sucesivos anos, se tomen as medidas oportunas co fin de que o persoal da Xunta de Galicia que traballa en localidades pequenas poida realizar os recoñecementos en igualdade de condicións que o que traballa nas cidades.