O goberno galego anunciou que deixará de asignar mediante libre designación 591 postos que ata agora eran cubertos “a dedo”. Venden deste xeito o cambio de forma de provisión de numerosas xefaturas de servizo (e outros postos), que pasarían da seren cubertas mediante libre designación ao futuro concurso específico, unha forma de provisión menos discrecional, segundo publicitan nunha comunicación enviada aos medios o domingo 9 de setembro, antes de negocialo cos representantes sindicais.

A lectura polo miúdo do que é un “concurso específico” agocha outra realidade que pon en dúbida a cacarexada intención de mellorar a independencia dos traballadores e traballadoras da Administración Autonómica:

  • Ata un 45% da puntuación pode depender de “memorias, entrevistas ou test profesionais, ou a valoración de informes de avaliación ou outros sistemas similares”. É dicir, case a metade da puntuación a valorar para designar os mandos intermedios pode non selo con criterios obxectivos.
  • A “comisión de valoración” que resolverá as adxudicacións de postos estará composta por catro persoas da propia consellería convocante de cada posto máis un secretario sen voto de Función Pública. Así que todo se cociña en casa e cabe pensar que se podería acabar coa mobilidade entre consellerías, así como a promoción de quen non teña padriño.
  • Nomeado tras un proceso parcialmente subxectivo, o persoal funcionario permanecerá no posto durante cinco anos. Xa que logo, un futuro goberno terá que comer con patacas os mandos intermedios nomeadas por un goberno anterior.
  • Pasados os cinco anos, o funcionario terá que superar un proceso de avaliación para manterse no mesmo posto. A tal efecto constituirase unha “comisión técnica” formada por cinco persoas, catro delas da propia consellería e unha de función pública, quenes decidirán a aptitude ou non do funcionario para continuar outros cinco anos na mesma xefatura. Poderíamos estar ante a desaparición da independencia do funcionario respecto do poder político (a ver que xefe de servizo vai enfrontarse aos seus superiores cando reciban ordes inadecuadas).


A propaganda do goberno vende como unha mellora na independencia da Administración respecto do poder político o que en realidade agocha unha maior dependencia e submisión respecto do actual goberno, así como dunha imposición ao futuro goberno dos mandos intermedios.

A CIG defende a total independencia da Administración respecto do poder político, polo que avogamos pola supresión dos postos de libre designación ou concurso específico e que todos pasen a ser cubertos mediante concurso de méritos ordinario, sen valoración subxectiva algunha.