O acordo polo que se rexen as condicións de traballo do persoal técnico vinculado ao Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais entrou en vigor fai dez anos e aínda que está prorrogado tacitamente, non se actualizou desde a súa sinatura, o que provoca un desfase considerable entre as condicións de traballo e as circunstancias legais e económicas do momento actual. Ante esta situación, o pasado 03/05/2018 as catro organizacións sindicais presentamos conxuntamente ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural unha solicitude para abrir a mesa de negociación e actualizar o acordo do ano 2008. Ante o silencio da Administración, o 19/07/2018 reiteramos a solicitude inicial.

Finalmente, a Consellería do Medio Rural decidiu atender a solicitude e convocou oficialmente unha reunión para o 07/09/2018. Nesta reunión asistimos representantes dos catro sindicatos e o subdirector xeral de persoal da Consellería do Medio Rural. Ante a sorpresa de todos os asistentes da parte social, o representante de Medio Rural manifestou que a reunión non era a apertura da mesa de negociación, senón que o enviaran para recoller as nosas demandas e que nos chamarían para abrir a mesa con posterioridade. A protesta foi unánime porque non comprendemos que demoren tanto para xuntarnos (4 meses) e que aínda non a consideren oficialmente como a apertura da mesa de negociación.

As catro organización sindicais de forma unánime trasladámoslle ao representante da consellería as dúas principais modificacións existentes a día de hoxe con respecto ao acordo de 2008. A primeira é a consideración con base no dereito comunitario como horas de traballo efectivo as máis de 500 horas nocturnas anuais que fai o persoal técnico do SPDCIF por riba da carga horaria do persoal funcionario. A segunda fai referencia ao cumprimento da normativa laboral en relación ás horas traballadas e descansos semanais dos xefes dos distritos, que na actualidade non son persoal de libre designación e que, por tanto, están suxeitos plenamente á normativa laboral.

A maiores, demandamos unha reorganización das condicións de traballo do persoal técnico vinculado ao SPDCIF cun aumento substancial do persoal técnico funcionario que permita atender as múltiples tarefas que esixe a normativa sectorial forestal, cun número de días de descanso e de vacacións adecuado e cunha mellora das retribucións. Demandamos tamén unha oferta de emprego público de todas as vacantes, así como a segunda actividade e coeficientes redutores.

Finalmente trasladámoslle ao representante de Medio Rural o noso rexeitamento frontal a unha dilación da apertura oficial da mesa de negociación e esiximos que a administración autonómica poña data para ela nun prazo máximo de dúas semanas e que presente unha proposta de melloras das condicións por escrito sobre a que se poida traballar na mesa de negociación.