Novas por contido

En xuño do ano pasado asistimos a unha xuntanza na que o director xeral da Función Pública fixo entrega ás organizacións sindicais do primeiro borrador do que pretendía ser un baremo común para os futuros concursos de traslados. A intención era sistematizar e simplificar os procedementos dos concursos para chegarmos a unha situación de concurso anual para todos e todas (laborais, corpos xerais, especiais e escalas).

Dende entón falamos do asunto en moitas outras ocasións, recibimos máis borradores, e presentamos alegacións escritas.

Pero a cousa non arranca. Non arranca nada, nin fixar esas bases xenéricas que ían axilizar todos os concursos, nin mentres isto non sae adiante, tampouco acaban de arrancar os diferentes concursos que terían que convocarse.

O 19 de xuño do 2018 (un ano despois daquel primeiro borrador) o director xeral de Función Pública informou que a convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais sería en setembro, xunto co de veterinarios, e de seguido (este ano) iría o resto da administración especial; para a convocatoria de persoal laboral nin sequera poñía data (condicionábao a unha refundición das categorías pactadas no convenio colectivo). Para cumprir cos prazos expresados, comprometérase a que na semana seguinte remitirían unha nova proposta de bases xerais para todos os concursos. Atreveuse inclusive o director de Función Pública a afirmar que a resolución do concurso de corpos xerais sería para finais do 2018 ou comezos do 2019. Esa nova proposta de bases comúns nunca chegou.

Ao longo do mes de xullo e a primeira quincena de agosto deste ano, os esforzos de Función Pública estiveron centrados en impoñernos un acordo de “mellora de emprego” e de “carreira profesional” inaceptábeis, nesta ocasión contando co beneplácito de CCOO, CSIF e UGT. Así que dos concursos, nin unha palabra, nin unha letra.

E chegou setembro. Sorprendéronos o día 10 cun borrador dun futuro Decreto de Provisión co que queren regular os concursos específicos (eses que van ter unha entrevista e vai ser unha libre designación encuberta), e marcan unhas liñas xenéricas da cobertura de postos mediante libre designación e concurso ordinario. Pero das bases comúns dos concursos, e dos concursos que prometeron convocar de inmediato, nada.

Sendo realistas, a día de hoxe, e contando os prazos necesarios de negociación, publicación, presentación de solicitudes, etc, e tendo presente que o prazo de posesión do anterior comezou o 4 de outubro de 2016, é moi improbable que quenes obtiveron posto no anterior concurso de corpos xerais queden fora de poder participar no futuro concurso que se convoque. O que encherá de ledicia a uns e amolará a outros. Pero en todo caso, é moi dubidoso que alguén que obtivese posto no anterior concurso acade a puntuación suficiente para repetir no que veña, xa que un dos baremos quedaríalle en cero puntos (o tempo de permanencia).

Despois de meses de negociacións, de contos de concurso permanente, de responsabilizar a outros, o Director de Función Pública continúa abrindo asuntos a negociar que non se dan pechado. Pero os concursos, non saen. A CIG defende o concurso permanente, aberto varias veces ao ano. Pero xa nos dariamos por satisfeitos o día que teñamos o concurso anual, para todos e todas, funcionarios e laborais.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...