A CIG-Autonómica presentou as súas achegas para emendar o texto a distintos grupos parlamentarios

O pasado mércores, día 31 de outubro, a CIG-Autonómica expresou, no Congreso dos Deputados, o seu rexeitamento á proposición de lei básica de axentes forestais, que entrou no Congreso da man de Podemos, e que ten de prazo para presentación de emendas até o 7 de novembro.

A proposición de lei pretende máis que regular o réxime xurídico dos/as axentes forestais: invade competencias, é lesiva para o mantemento do SPDCIF e pouco útil para este personal xa que non aborda a xubilación, enfermidades profesionais nin medidas básicas de seguridade.

Para Galiza esta lei é especialmente lesiva xa que se reducen as competencias na xestión dos montes deste persoal funcionario, eliminando, por exemplo, a encomenda da dirección técnica de extinción de incendios forestais. Ampara ademais a modificación da estrutura de mando do servizo de defensa contra incendios forestais da Galiza de cara aos servizos de emerxencias e protección civil. Deste xeito, os axentes forestais de Galiza pasan de ter a dirección dos incendios a ter que colaborar cos medios de emerxencias e protección civil.

Esta lei básica deséñase en resposta ao brutal asasinato de dous axentes rurais en Catalunya en 2017, pero sorpresivamente, non soluciona cuestións de saúde e seguridade de regulación básico como un cadro de enfermidades profesionais ou os coeficientes redutores para a xubilación anticipada. O artigo específico que trata a seguridade, con apenas catro liñas, non aporta ningunha medida concreta. O texto da lei tampouco trata nin a segunda actividade, nin medidas para fomentar a igualdade, ou o recoñecemento dos dereitos laborais do resto de empregados/as Públicos/as como un horario máximo anual, a conciliación familiar ou os permisos e licenzas.

Galiza non existe

A CIG-Autonómica lembra que hai outras proposicións de leis que están xa no Congreso, con prórrogas para o debate, como a de bombeiros forestais e a de bombeiros. En conxunto, as tres propostas de leis teñen inxerencias e conflito entre elas pisándose funcións.

Con todo, o que máis preocupa é a posibilidade de cambiar o sistema de extinción de incendios de Galiza, xa que de seguir adiante, modificaría a consideración de emerxencia e o seu tratamento –competencia, extinción e mando- o que non sería funcional para os máis de 4.000 lumes e 50.000 ha/ano de media, superando en número e hectáreas queimadas as de todo o territorio do estado.

Emendas

Aínda así, a CIG-Autonómica presentou achegas para emendas aos diferentes grupos parlamentarios, desde Marea, até Euskal Herria Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya, PNV, PSOE, Compromís e En Comú Podem. Non puido facer o mesmo co PP e con Ciudadanos, porque a día de hoxe aínda non hai resposta á petición de xuntanza.