Novas por contido

Os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza asistimos a un novo escándalo nos procesos selectivos ao subgrupo "A1"

Xa a finais de 2009, desde a CIG-Autonómica denunciabamos ante a Fiscalía as filtracións de exames dos subgrupos C1 e C2 de quenda libre e consolidación, esixindo a dimisión do director xeral da Función Pública. Hai poucos días, denunciabamos tamén o bochornoso proceso de promoción interna ao subgrupo C2.


Continuando esta sucesión de actuacións impresentabeis nos procesos selectivos, agora salta un novo escándalo nas oposicións ao subgrupo A1, esta vez debido a presenza de persoal de libre designación nos tribunais de selección. Dous xefes de servizo da Consellaría de Facenda preséntanse aos exames de promoción interna ao corpo superior da Xunta, simultaneando a súa condición de opositores coa de membros do tribunal que xulga o proceso de acceso libre ao mesmo corpo.

Os motivos para a sospeita acrecéntanse ao coindicir o presidente e a secretaria do tribunal de promoción interna cos dous xefes de servizo no tribunal de acceso libre, do que os catro forman parte. As sombras sobre o proceso selectivo de promoción interna alárganse, ademais, tendo en conta que todos os membros de ambos tribunais son nomeados polo Goberno, sen posibilidades de participación e control sindical sobre o desenvolvemento dos procesos.

Ante estes feitos, desde a CIG-Autonómica esixímoslle á Dirección Xeral de Función Pública que se estabelezan as máximas garantías de independencia dos tribunais destes procesos, impedindo que se poida simultanear a condición de opositor e avaliador para o acceso a un mesmo corpo, aínda que se trate de convocatorias separadas.

Así mesmo, desde a CIG-Autonómica demandamos que se abran cauces de participación democrática para impedir a instrumentalización e a apropiación dos tribunais de selección por parte do Goberno, ao nomear persoas cuxa continuidade no posto de traballo depende da confianza política, como sucede co persoal de libre designación. A gravidade do sucedido esixe que se tomen medidas inmediatas para impedir calquera sospeita de favoritismo ou politización dos tribunais de selección ao emprego público na Xunta.


Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...