Novas por contido

Na Comisión de Persoal do martes 11 de decembro foron aprobadas as Ofertas de Emprego Público de persoal funcionario e laboral dependente de Función Pública e a OEP de escalas sanitarias. A Oferta de emprego de Función Pública foi aprobada co voto en contra de CIG e CSIF e favorable de CCOO e UGT. A OEP de escalas sanitarias foi aprobada co voto en contra dos catro sindicatos.

A finais de novembro, a Xunta anunciou publicamente que a OEP do 2018 sería de 5.686 prazas (algo mais de 2.100 para Administración). Certamente un número importante coas miras postas no 26 de maio do ano que ven, cando os cidadáns e cidadás vamos votar nas eleccións municipais e europeas. Así que tocaba darlle alegría ao corpo. Pero hai máis fume do que parece. O conxunto da oferta ten cousas positivas, pero tamén presenta problemas e incógnitas que dende Función Pública non quixeron resolver, contando neste caso co aval e complicidade de CCOO e UGT.

Acceso libre

Para acceso libre ofertan 502 prazas, todas para persoal funcionario. Segundo o director de Función Pública, este número sae de sumar todas vacantes xeradas no 2017. Algunhas serán por concurso-oposición e outras por oposición, dependendo de se existe oferta doutros anos (ou deste) que se poidan acumular para sacar nunha única convocatoria (nese caso sería concurso-oposición). Con este número seguiremos moi por debaixo do nivel de emprego de antes da crise. Non ofertan nin unha soa praza para persoal laboral, como se non houbese vacantes no 2017.

 

 

Promoción interna

A promoción interna será de 200 prazas, exclusivamente para persoal funcionario de corpos xerais. Excepcionalmente permiten participar ao persoal da escala de inspectores/as de consumo (A2), e de inspección turística (A2). Función Pública rexeitou a petición da CIG de permitir a promoción dende calquera escala ou corpos especiais. Tampouco haberá promoción dende xeral a escalas/especial, neste caso simplemente porque non existe oferta en escala/especial. En todo caso a oferta de promoción interna non se aproximará ao 50% que reclamamos. Tamén se negan a convocar oferta de promoción interna para persoal laboral.

 

Funcionarización

A funcionarización afectaría ao persoal laboral fixo que ocupe postos en RPT clasificados de persoal funcionario ou se poidan clasificar como tal. Entrarían aquí aqueles para os que existe unha escala de funcionario creada por lei (bombeiros forestais, servizos sociais, etc). Pero resulta ser caótico: como é posíbel que nun mesmo centro, dúas persoas da mesma categoría, apareza a funcionarizar unha si e outra non? O director de Función Pública asegura que entre a OEP do 2018 e a do 2020 corrixirán os erros e entrarían todas as prazas.

Consistirá en superar un concurso-oposición voluntario no que o persoal laboral fixo que o supere adquiriría a condición de funcionario de carreira  na escala correspondente adxudicándoselle o mesmo posto que ocupaba.

A CIG reclamou, sen éxito, a convocatoria previa do concurso de traslados, unha promoción interna como persoal laboral, así como a negociación previa de aspectos como os complementos para compensar os pluses de singularidade (toxicidade, perigosidade, etc) dos postos así catalogados e que non teñen equivalencia nos complementos de persoal funcionario. Finalmente, na OEP-2018 ofertan a funcionarización exclusivamente a postos de corpos xerais e escalas de informática. En total serían 577 prazas no 2018.

 

Consolidación de persoal indefinido non fixo

Nesta OEP van ofrecer 226 prazas. Isto afecta ás prazas con sentenza de indefinición creadas en RPT. Función Pública recoñece que hai máis e que deron ordes ás consellerías para realizar os trámites en RPT para cumprir as sentenzas, prazas que serían ofertadas en sucesivos anos. O procedemento consistirá nun concurso-oposición de libre concorrencia no que a fase de concurso será do 40% (repartidos en 35 para servizos prestados na categoría e 5 para formación).

A CIG reglamou que se oferten xa todas as prazas nesta OEP.

 

Estabilización de emprego temporal

En cumprimento da Lei de orzamentos do Estado para o ano 2018, ofertan 720 prazas. Inclúen prazas de carácter estrutural dotadas orzamentariamente e que se atopan desempeñadas interinamente con anterioridade ao 1/1/2005. A forma de acceso será mediante concurso-oposición e libre concorrencia. Quenes superen o proceso terán destino en postos ocupados por persoal temporal. A CIG reclama que se oferten todas as prazas vacantes.

 

A Oferta de Emprego das escalas sanitarias

Na mesma Comisión de Persoal tamén se aprobou a OEP-2018 das escalas sanitarias (Lei 17/1989). Neste caso foi aprobada co voto en contra de todos os sindicatos. Nesta OEP ofertan 61 prazas, das que 7 son de reposición de efectivos e 54 de estabilización. Os números son insuficientes, a promoción interna non conta co 50% das prazas e non se permite promocionar dende calquer corpo/escala/categoría.

Nesta oferta de emprego non se cumpriu o deber de negociación colectiva que marca o EBEP e a LEPG, pois en ningunha das tres xuntanzas nas que falamos do tema contamos con interlocución con capacidade de negociación. Así que tivemos que limitarnos a presentar a nosa postura sen ter quen nos dera réplica. Nen sequera tivemos prazo para presentar alegacións escritas. Xa que logo, a CIG presentou un escrito ante a Mesa Xeral de días previos para deixar constancia dos incumprimentos na negociación, e valoramos presentar unha impugnación xudicial. 

Proposta de Acordo das OEPs do 2018 a 2020

Ás 9:45 recibimos correo electrónico de Función Pública cunha proposta de acordo sobre as OEPs 2018 a 2020 e o seu desenvolvemento, para tratar na Comisión de Persoal do mesmo día. O director xeral de Función Pública pretendeu votar a proposta, o que deu lugar a bronca por parte de CIG e CSIF. Negámonos a votar un documento entregado unhas horas antes, sen tempo a discutilo. Quedou claro que o texto, cualificado de "grata sorpresa" por un sindicato, era do coñecemento previo de CCOO e UGT. 

Tras a bronca, e tras un receso, a Administración presentounos unha nova proposta, quedando a súa negociación para tratar nun futuro inmediato. Do novo texto, pendente de análise, temos:

  • As prazas a funcionarizar na OEP-2018 serían 577. E comprométense a ofertar 2.177 entre 2018 e 2020. Garanten que non haberá perdas de retribucións.
  • Comprométense a incluir na OEP do 2019 as prazas pactadas en diferentes acordos (legoeiros, SPDCIF e Consorcio). Pero este compromiso xa estaba pactado para o 2018, así que se incumpriron os pactos previos, porque temos que crer que van cumprir este?
  • Nas diferentes convocatorias da OEP-2018 acumularán 192 postos da OEP de 2016 e 421 da do 2017. Din que as convocatorias serían no primeiro trimestre do 2019. Pero xa estamos queimados de tanto cronograma incumprido.
  • Nas OEPs do 2019 e 2020 presentarían 200 prazas para promoción interna. Supoñemos que para persoal funcionario, porque de persoal laboral non teñen intención de ofertar nada.
  • No 2019 ofertarían 730 prazas para estabilización. Irían prazas do Consorcio e SPDCIF. No 2020 serían 900 de estabilización (dos que uns 600 serían do Consorcio).

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...