Acordado na Comisión de Persoal do xoves 27 de decembro, co voto favorable de CCOO e UGT, e voto en contra da CIG. CSIF non se pronunciou. Os acordos de mellora de emprego e carreira profesional, o acordo de funcionarización e o acordo de OEPs 2018-2020, foron refundidos nun único documento (“acordo de concertación social”).

Se anteriormente tentaron meternos o acordo en poucos días de agosto cando a maioría do persoal estaba de vacacións, finalmente quedou aprobado entre os días de Nadal e Aninovo, tamén con moita xente de permiso. Xa que logo, aprobado sen que os sindicatos tivésemos moitas opcións de darlle participación ao persoal afectado e facer un debate en condicións axeitadas.

A CIG fomos parte da negociación, leais, activos e solidarios, adaptámonos aos tempos marcados por Función Pública, sometidos a chantaxe, conseguimos engadir numerosos aspectos positivos e retirar algúns negativos. O acordo final contén cousas boas, pero hai demasiadas e moi importantes eivas que impediron que a CIG puideramos apoialo. A modo de resumo, van estas ideas iniciais:

  • Por primeira vez na historia as nosas retribucións quedan vinculadas ao PIB, non ao IPC (o mesmo que pasara coas pensións e deu lugar a importantes protestas, inclusive dos sindicatos que agora asinan). Isto é un perigoso precedente para calquera negociación colectiva posterior, inclusive no ámbito privado.
  • Os fondos para a carreira profesional e para as prazas a ofertar nas OEP non están garantidos (inclúen un condicionante que permitiría suspendelos).
  • A nova bolsa de horas (5% anual a recuperar no prazo de tres meses), non é universal: non é unha “bolsa de horas positivas”, senón que están ligadas á conciliación.
  • A carreira profesional non vai ser para todos e todas: exclúen a todo o persoal laboral que non acepte ou non supere a funcionarización, e tamén a unha escala de funcionarios (Lei 17/1989).
  • Os importes da carreira profesional incrementan a brecha salarial: o grupo superior superará en máis do triplo ao importe do grupo inferior. E os prazos para a inclusión anticipada nos graos I e II seguen a ser peores que o pactado polo Sergas.
  • A funcionarización do persoal laboral fixo vai ser sen que exista previamente un concurso de traslado, nin proceso selectivo libre ou promoción interna. O persoal laboral fixo que non acepte a funcionarización quedará fora da carreira profesional.
  • O persoal laboral que se funcionarice vai poder participar na promoción interna xa como funcionario sen agardar dous anos ao computarse o tempo traballado como persoal laboral. Pero ao tempo non permiten que o persoal funcionario de escalas poida promocionar a corpos xerais, e xa veremos os casos en que permitirán de xeral a escalas.
  • Xeran un problema futuro entre os grupos baixos polas diferenzas retributivas a causa dos trienios: veremos como compañeiros e compañeiras cos mesmos anos de servizos para a Administración, mesma relación funcionarial, mesma escala, mesmo traballo, terán diferentes retribucións en función de se son novos ou antigos funcionarios ou funcionarias. No acordo negáronse a poñer unha soa letra para un pacto plurianual encamiñado a corrixir as futuras discriminacións polas diferenzas retributivas entre iguais.
  • Manteñen taxas de reposición de efectivos polo que non permiten cubrir as necesidades de postos de traballo nos diferentes centros e servizos.
  • A promoción interna non chega ao 50% que reclamamos.
  • Coñecemos os números anuais de prazas dos procesos de estabilización, pero descoñecemos o que isto supón en temporalidade total.

O goberno do PP mercou o agasallo, algúns sindicatos puxeron o papel e empaquetárono.