Novas por contido

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención dos riscos laborais, regula no seu capítulo V a consulta e participación dos traballadores en materias que afectan á seguridade e saúde no traballo e, máis concretamente, no artigo 33 establece a obriga empresarial de someter á consulta dos traballadores todo o relativo á seguridade e saúde laboral na empresa, sendo os delegados de prevención e os comités de seguridade e saúde laboral os mecanismos de consulta e participación especializada nas materias de Prevención de Riscos Laborais (PRL).

No edificio administrativo de Ourense, ao igual que no resto de edificios administrativos da Xunta (Monelos, Ferrol, Lugo, Vigo e Pontevedra) existe un comité de seguridade e saúde laboral. A última vez que se reuniu este comité foi o 20 de setembro de 2016. Hai que ter en conta que no resto de comités estanse a reunir cada tres meses.

Desde a CIG solicitamos a convocatoria do comité para tratar diversos problemas do edificio administrativo en Ourense. Finalmente, o 18/12/2018 reuniuse o comité despois de dous anos sen reunirse. Os únicos temas que se trataron foron os solicitados pola CIG:

  • Na programación da avaliación de riscos para 2018 estaba prevista a revisión do edificio administrativo de Ourense. Preguntamos o motivo polo que non se fixo esta revisión e responden por estar vacante a sección de PRL en  Ourense e que o posto está ofrecido para cubrir por comisión de servizos. Inquirimos os motivos de non cubrirse antes o posto (leva vacante máis de 6 meses) e que pasará se ninguén o solicita (o máis probable). Resposta: chamarán de listas.
  • En canto as reclamacións polas condicións do persoal do terceiro andar (cultura), dinnos que o tema está parado polo cambio da estrutura da Xunta.
  • Hai meses o delegado de prevención da CIG avisou dun problema de seguridade no sistema de peche dos ascensores. Reiteramos o aviso na reunión do comité e tras volver falar cos técnicos de mantemento do ascensor, e detectarse un posible problema de seguridade, van examinar cales son as medidas que se poden adoptar para eliminar ou, polo menos, minimizar o risco.
  • A DIRECTIVA 2013/59/EURATOM, que entrou en vigor o  6 de febreiro de 2018, establece a obriga da administración de realizar medicións de gas radon en lugares de traballo situados en áreas de risco. Delegados da CIG solicitamos, xa hai meses (24/01/2018), medicións de gas radon nas distintas dependencias da xunta en Ourense, incluído o edificio administrativo. Para responder a isto, asistiu unha persoa desde Santiago (a sección de PRL de Ourense está vacante). En resumo, o que dixo é que, mentres non se faga a transposición da directiva europea á lexislación española, non hai obriga legal de facer as medicións, así que non se van facer.
  • O Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social establece no seu art. 22 que:

    “As persoas con discapacidade teñen dereito a vivir de forma independente e a participar plenamente en todos os aspectos da vida. Para isto, os poderes públicos adoptarán as medidas pertinentes para asegurar a accesibilidade universal, en igualdade de condicións coas demais persoas, nos contornos, procesos, bens, produtos e servizos, o transporte, a información e as comunicacións, incluídos os sistemas e as tecnoloxías da información e as comunicacións, así como nos medios de comunicación social e noutros servizos e instalacións abertos ao público ou de uso público, tanto en zonas urbanas como rurais”.

    Solicitamos á Xunta ás adaptacións necesarias para facer efectiva a  accesibilidade universal no edificio administrativo de Ourense.
  • Ante o próximo traslado do persoal da AMTEGA en Ourense ao sexto andar do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense, para evitar problemas e posteriores denuncias a inspección de traballo, solicitamos unha avaliación de riscos previa á incorporación dos traballadores.
  • Trasladamos, unha vez máis, ao comité diversas queixas do persoal de rexistro en canto as condicións de traballo. E unha vez máis, solicitamos que lle proporcionen ao delegado de prevención de riscos da CIG a última avaliación de riscos e plan de acción do persoal de “Información e rexistro”.

En con isto rematou a reunión do comité no que só interveu o delegado de prevención de riscos da CIG e os representantes da Xunta. Esperemos que o comité non tarde outros dous anos en reunirse.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...