Novas por contido

A Consellaría de Educación pretende suprimir o comedor escolar en 9 localidades de Lugo e 9 en Ourense,  eliminar 71 postos de traballo en todo pais.

A contención no gasto da Xunta de Galicia xa sabemos quen a vai pagar. Non os altos cargos, que van seguir mantendo o plus de por vida, nin os Xefes Territoriais, aos que se lles aumentou o salario en máis de 3.000 euros anuais, nin as múltiples empresas que están a recibir asistencias técnicas para xestionar os servizos públicos. Van ser as traballadoras e traballadores da Xunta de Galicia e os cidadáns.

O caso dos comedores escolares é sanguento: na proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellaría de Educación,  elimina 71 postos de traballo de oficiais 2ª de cociña, axudante de cociña, limpadoras/es, camareiras/os e conserxe. Destas “amortizacións”,  18 deles inclúen o peche dos comedores, ao tratarse dos únicos traballadores de comedor existentes nestes centros. A xustificación da Consellaría para eliminar os comedores é o número de comensais. Nalgún caso son 29 os comensais.

A relación de postos a suprimir permanece aberta e non descartamos que poida verse incrementado o número de centros afectados para o próximo curso escolar.

Estas supresións eliminarán o servizo de comedor nos centros provocando o posíbel desprazamento dos rapaces e rapazas a outros centros ou ben que o servizo público sexa substituído por un servizo de cátering de dubidosa calidade.

A documentación que nos achegan os responsábeis políticos da Administración evidencia a maneira de entender o servizo público dun goberno  e do partido que o sustenta. Todos estamos de acordo en que é unha obriga do goberno facer unha xestión sensata  dos recursos. Non estamos a falar dunha empresa privada, ou  aló menos eso é o que nos gustaría  pensar. E mais,  no mundo dos servizos públicos, ou se fala de rendibilidade social do proxecto ou se utilizan criterios que pertencen a outros escenarios. Os cidadáns pagamos impostos para obter a cambio servizos. Para entendérenos, con criterios de rendibilidade deberíamos pechar hospitais, escolas, ...  Estráñanos que en ningún momento  a propia administración faga referencia  ó elemento fundamental de calquera servizo, en teoría  tamén  básico para calquera negocio privado, que é o da  CALIDADE.

Resulta chamativo tamén que a meirande parte dos recortes que no presente documento se propoñen, teñan efecto en centros do medio rural, contribuíndo deste xeito o desmantelamento  progresivo dos poucos alicientes para o mantemento da poboación, cando por outra parte se enche a boca con proxectos e medidas para o tal asentamento. Preténdese que a xente quede onde  non se lles da servizos?

É inadmisible que o goberno non teña unha política clara neste aspecto xa que supón malgastar recursos. Non pode ser que se creen programas de millóns de euros tendentes a que o medio rural non quede deserto e por outra se eliminen os mellores medios para impedilo cando, por riba, son moito máis económicos. Dende logo, a ningún de nós na nosa casa se nos ocorrería quitar a cociña para ir comer fóra todos os días e xustificalo coa austeridade e dicindo que aforraríamos cartos, non?

É mentira que se vaian aforrar cartos pechando comedores, porque os alumnos teñen que comer. Terán que desprazarse a outros colexios, co gasto que isto supón en transporte ou seguirán a privatizar servizos, mediante o uso dos “catering”, que non supón aforro de cartos, pero si peor servizo. Iso si, naqueles que se mantén o comedor a Xunta vai aforrar cartos a costa de cargar aos traballadores que quedan coas funcións dos eliminados.

Pero isto ten máis consecuencias que a presión sobre os traballadores e as traballadoras da Xunta: aumentar o perigo para os rapaces ao incrementarse os desprazamentos,  empeorar a súa dieta e empeorar as xa difíciles condicións de vida do noso rural. Por un miserábel aforro de cartos, que nos orzamentos da Xunta de Galicia son faragullas, dáse un paso máis no consciente e constante  empeoramento ou eliminación dos servizos públicos, que ademais neste caso ataca as zonas máis deprimidas do noso rural, nunha política de terra queimada, que non pode ter máis obxectivo que propiciar o empeoramento das condicións de vida do mundo rural e a súa aniquilación.

Por enriba destas consideracións de base están os crus datos, e as consecuencias concretas as que nos enfrontamos:

CONSECUENCIAS DIRECTAS:

  1. DESMANTELAMENTO DO SERVIZO PÚBLICO DE COMEDORES
  2. DESPEDIMENTO  (para as persoas non fixas)
  3. TRASLADO FORZOSO   (para  persoal fixo) OBRIGA DE CONCURSAR A QUEN SE LLE AMORTICE O POSTO. Moita desta xente con 60 anos e con 28 de servizo nese centro, ¿onde esta a conciliación da vida laboral e familiar?


CONSECUENCIAS COLATERAIS:

  1. MENOS PRAZAS PARA O CONCURSO DE TRASLADOS E PARA A TOMA DE POSESIÓN PROVISIONAL
  2. OBRIGA DO PERSOAL AO QUE LLE AMORTICEN O POSTO A PARTICIPAR NO CONCURSO DE TRASLADOS o que lles obriga a unha mobilidade forzosa, aumentará o número de participantes no concurso e provocará, a súa vez, que haxa menos prazas para máis participantes.
  3. PERSOAL CON TOMA DE POSESIÓN PROVISIONAL  tamén se verá afectado o quedar menos prazas para a toma de posesión definitiva
  4. PECHE DOS COLEXIOS SEN SERVIZO DE COMEDOR PARA TRASLADAR AO ALUMNOS E ALUMNAS A COLEXIOS PRÓXIMOS QUE MANTEÑAN O SERVIZO


Desde a CIG-Autonómica, opoñémonos firmemente a esta política de despedimentos, amortizacións e destrucción de servizos públicos e anunciamos que tomaremos todas as medidas necesarias para que non sexa levada a cabo.

O próximo venres día 9 de abril terá lugar unha xuntanza coa Consellaría na que amosaremos a nosa frontal oposición a esta RPT privatizadora e, no caso de que sigan adiante, convidamos a toda a comunidade educativa: traballadores de cociña, docentes, pais e nais e alumnos/as, a mobilizarse para evitarmos que esta desfeita se convirta en realidade.

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.