Novas por contido

O venres 9 de abril, e mentres os nosos compañeiros estaban arredor de San Caetano manifestándose pola amortización de 71 postos de traballo en educación e o conseguinte peche de comedores escolares, as organizacións sindicais CIG, UGT, CCOO e CSIF tivemos a primeira xuntanza con responsábeis de función pública para discutirmos o primeiro rascuño das bases do concurso de traslados de corpos xerais.

A intervención da CIG comezou abroncando á administración polo escaso tempo que nos deron para estudar o texto. Na práctica tivemos escasamente un día para espallalo, recibir suxestións e estudalo. Xa que logo, a CIG reservase o dereito a presentar alegacións escritas polo miúdo nos vindeiros días, previo análise a fondo e discusión nos órganos do sindicato.

Pouco podemos avanzar das decisións da Dirección Xeral da Función Pública. Inda así, aí van unhas notas do discutido e das nosas impresións. Quede claro que esto son unhas poucas pinceladas do discutido, e que en todo caso nos vindeiros dias presentaremos as alegacións tocando punto a punto.

Pero antes, a CIG quere dar as grazas a todo o persoal que en tan pouco tempo nos achegou toda unha enchenta de propostas e suxestións, por correo electrónico e a través dos nosos foros, subliñando que a inmensa maioría do recibido foi tratado na xuntanza.

Como primeira idea entende a CIG que neste concurso temos un peso relativo da antigüidade moi cativo en comparación cos demais conceptos, cousa inaceptábel para a CIG ao falarmos dun concurso de traslados. Por exemplo, non é aceptábel que ter o máximo de formación teña o mesmo peso que 20 anos de antigüidade. Demandamos dar moita mais importancia a este concepto.

Outro eixe da discusión foi quen ten a obriga e quen pode participar:

  • Quedando clara a exclusión dos funcionarios e funcionarias da administración especial (sentenza xudicial), resúltanos curioso que de todas as escalas existentes en administración xeral mencionen expresa e unicamente ás escalas da lei 17/1989. En todo caso a administración non ten intención de deixar participar ao persoal funcionario de ningunha escala (funcionarios de administración xeral).
  • Na base I.3 regulan a obriga de concursar do persoal en adscrición provisional (reingresos, ceses, amortizacións). Mentres o artigo 20 do Decreto 93/1991 di que todos eles teñen a obriga de participar no primeiro concurso e que nel se incluirán todos os postos que se encontren nesta situación, temos que o Decreto lexislativo 1/2008 retira a obrigatoriedade a aqueles adscritos provisionalmente a postos inferiores en mais de dous niveis ao seu grao persoal. Ao tempo, non se inclúen no concurso todos os postos ocupados en adscrición provisional. 


O feito de que a administración se negue a que neste concurso entren os niveis 28 e que haxa xente que non teña a obriga de concursar pode estar relacionada: se non concursan e dentro dun ano convocan os 28, so algunha xente vai poder optar a estes (agás que finalmente aproben, como pretenden, que a nova lei da función pública retire o requisito dos dous anos de permanencia para optar a estes postos).

A CIG demanda que se oferten todos, e que todos teñan que concursar (non pode ser que haxa xente, e todos coñecemos a alguén, que leve media vida nesta situación).

  • Outra clave deste apartado está a situación do persoal doutras administracións, mais concretamente da administración do estado (A11). Hai un grupo deles que optaron á nosa administración a cabalo entre a aprobación do estatuto básico e a modificación da lei da función pública, e nin a Xunta lles permite integrarse como persoal propio, nin o estado acepta o seu reingreso. Atopámonos, xa que logo, cun problema legal que non se pode solucionar sen unha modificación lexislativa, polo que non está clara a conveniencia de ofertar neste concurso os postos A11 vacantes (de facelo, incrementaríase o número de persoas afectadas por esta situación, e de non facelo, este persoal fica atado a un posto).


Unha novidade deste concurso é a posibilidade de renunciar até o intre en que se publique o listado de baremación provisional. A única obxección é que non ter unha data de referencia pode chegar a ser un problema, polo que nos gustaría que uns días antes de esgotado o prazo (publicación do listado), advirtan a través do web de función pública.

En méritos específicos non queda outra que recoñecer o tempo traballado nun posto en adscrición provisional ou en comisión de servizo, porque así o di o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, algo co que a CIG está en contra. Porén, non son mais de tres ducias os postos afectados.

Quen estivo en libre designación ten un plus. Exemplo: caso dun funcionario de grupo B-16 ao quen lle asignaron dactilarmente un servizo LD-28 e que chegou a consolidar; para el, eses 12 niveis de diferenza lle valen o equivalente a outros 12 anos de antigüidade. Consideramos excesiva a puntuación polos incrementos de niveis en comparación ao reducido peso da antigüidade.

Reducen a importancia do traballo desenvolvido en comparación a concursos anteriores, o que indirectamente ven a potenciar aqueles apartados que non teñen que ver coa antigüidade.

Retiran a permanencia no posto como concepto a baremar, algo que ten defensores e detractores. A CIG si defende a existencia deste concepto, pois entendemos que a súa presenza beneficia a quenes non tiveron opción de obter posto en anteriores concursos.

A polémica conciliación necesariamente ten que estar presente, por imperativo legal decidido polo Parlamento. Xa que logo, so nos queda modulalo. Por exemplo, xa que existe puntuación por agrupación familiar cando os dous cónxuxes son funcionarios/as, queremos que se contemplen outras situacións, como familias monoparentais, ou familias na que non son funcionarios/s os dous cónxuxes (con estas bases, por exemplo, queda excluído se o cónxuxe é persoal laboral ou simplemente non é empregado público). E de igual maneira que se contemple a localidade na que os fillos estean escolarizados, tamén podemos contemplar os casos en que existan maiores dependentes a cargo na residencia do funcionario/a.

A formación require unha revisión. Unha vez mais nos meten os cursos de informática da empresa privada Microsoft, esquecendo que existen alternativas. Así propuxemos que puntúen os cursos de procesamento de texto en troques de word, ou follas de calculo en troques de excel, .. A nosa sensación é que esto o van aceptar. Mais solicitamos a incorporación de mais cursos xenéricos, como poden ser os de estudo do Estatuto básico, da Lei da función pública, da Lei de protección de datos, ..

Outra cuestión discutida en formación é a puntuación. Xa que a EGAP imparte cursos de 12 horas, non entendemos porque agora poñen o mínimo en 15 (é posíbel que modifiquen a postura). Insistimos noutra cuestión histórica: como é posíbel que puntúe o mesmo un curso de 12 horas que un de 40?; a proposta que lles fixemos é que os cursos puntúen segundo o número de horas de cada un, e non por tramos como até agora.

Algo que non temos dubida que acepten é separar a puntuación dos cursos de nivel medio e superior de linguaxe administrativa galega. O esforzo que supón facer estes distintos niveis hai que recoñecelo.

Como deixamos constancia ao comezo deste resumo, aquí recollemos so as ideas principais, subliñando que foron moitos mais os distintos aspectos que tratamos nunha xuntanza que durou mais de dúas horas e que completaremos coa presentación dun extenso documento repleto de alegacións.

Para rematar comentar algunha cousa mais:

  • A intención de función pública é resolver primeiro o concurso e despois a promoción interna.
  • Teñen intención de convocalo xa, antes de que se cumpran os dous anos do anterior. O CSIF foi o único que se posicionou por retrasalo.
  • Agardamos que haxa mais xuntanzas antes da Mesa Xeral.
  • Convidamos a todos e todas a seguir enviando suxestións ás bases e alegacións aos postos.
  • Sorprendeunos a todos, sindicatos e administración, que a representante do CSIF (supoñemos que non sabía ben o que dicía), defendese abrir o 5% dos postos do concurso a outras administracións.

Outras novas recentes

Luns, 18 Marzo 2024

A CIG solicita que se volva a abrir o buzón de postos do concurso de corpos especiais

Despois dun breve prazo para formular alegacións, Función Pública pechou o buzón sen responder a máis da metade das alegacións sobre os postos. De todas as alegacións formuladas pola CiG en relación aos postos do concurso de traslados de corpos especiais (inclusións, exclusións, etc) de máis da metade non temos resposta. Hai que facer constar que cando nós alegamos por ter...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...