Novas por contido

O Consello da Xunta aproba unha modificación unilateral das instrucións de funcionamento dos tribunais de selección e a Dirección Xeral da Función Pública asegura que se convocará en breve ás organizacións sindicais para negociar unha reforma a fondo das instrucións.

O martes 20 de abril, Función Pública reuniu ás organizacións sindicais para nos trasladar a modificación das instrucións relativas ao funcionamento dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007.

Desde a CIG-Autonómica, comunicámoslle a Función Pública que as reformas aprobadas polo Consello da Xunta o 8 de abril non se aproximan ao noso modelo de tribunais de selección. Entendemos que se trata dunha reforma apresurada, tendente a aparentar unha resposta diante da alarma social existente logo do aluvión de irregularidades e incidencias nos procesos selectivos da Administración autonómica nestes últimos meses.

Para a CIG-Autonómica, acadar un modelo axeitado de tribunais de selección pasa por:

  • Despolitizar a designación dos membros dos tribunais: defendemos un sistema de sorteo para escoller os membros dos tribunais. Así mesmo, consideramos que se debería restrinxir a participación nos tribunais dos empregados públicos que ocupan postos de libre designación ou en comisión de servizo.

  • Revisar o modelo presidencialista de funcionamento dos tribunais, reforzando o seu carácter colexiado.

  • Recuperar a participación sindical nos tribunais, co fin de garantir a independencia das súas actuacións.

  • Acadar un modelo homoxéneo de funcionamento dos tribunais, tanto para procesos de persoal laboral como para o persoal funcionario. Neste eido, desde a CIG-Autonómica instamos a Función Pública á observancia do art. 11 do V Convenio.

 A modificación do 8 de abril, aprobada polo Consello da Xunta de Galiza sen ningún tipo de negociación nin consulta cos representantes do persoal, recolle unha ampliación das causas de abstención e recusación dos membros dos tribunais:

  • Os/as empregados/as públicos/as de grupos profesionais inferiores ao grupo obxecto do proceso selectivo non poderán formar parte dos tribunais malia teren a titulación esixida o acceso a estes.

  • Non se poderá simultanear a condición de aspirante en calquera proceso selectivo da Administración autonómica coa de membro dun tribunal de selección

  • Non poderán ser membros de tribunais as persoas con parentes até o cuarto grao de consanguinidade ou segundo de afinidade

  • O persoal da dirección xeral ou centro directivo organizador do proceso selectivo, deberá poñer en coñecemento deste a súa participación como aspirantes.

  • O persoal que participe na organización do proceso deberá poñer en coñecemento da dirección xeral ou centro directivo organizador se participan como aspirantes algún parente até o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Na CIG-Autonómica, consideramos que as medidas incorporadas nesta reforma (como a prohibición de que os empregados públicos dos grupos inferiores que cumpren o requisito de titulación non poidan participar nos tribunais, ou trasladar ás instrucións causas de abstención que xa están recollidas na Lei) son medidas cosméticas que tratan de desviar a atención da cidadanía sobre o dato fundamental: na Xunta existe un modelo de tribunais de selección “políticos”, pois a totalidade dos seus membros non designados pola Administración e os nomeamentos adoitan recaer en persoal que ocupa postos de libre designación (e, xa que logo, a súa continuidade no posto de traballo depende da confianza política).

Por outro lado, a Dirección Xeral da Función Pública anunciou que se constituirá unha comisión técnica de mellora dos procesos selectivos, coa participación das organizacións sindicais, que elaborará no prazo de dous meses unhas novas instrucións relativas ao funcionamento dos tribunais de selección. Función Pública anunciou a súa disposición a negociar nesa comisión a forma de elección dos tribunais, a mellora das convocatorias, programas e exames e comprometeu a colaboración da EGAP. Segundo anunciou Función Pública, esa comisión técnica con presenza sindical tería carácter permanente e gozaría de capacidade de intervención cando existan incidencias ou discrepancias nos procesos selectivos.

Desde a CIG-Autonómica, participaremos activamente pulando porque na nova comisión técnica se acaden puntos de encontro para reformar os modelos de tribunais e de procesos selectivos no sentido garantista, democrático e participativo que demanda unha sociedade aberta.

O resumo da xuntanza está dispoñible nesta ligazón.

A modificación das instrución de tribunais aprobada polo Consello da Xunta o 8 de abril está dispoñible nesta ligazón.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...