Continuando coas mobilizacións que a CIG-Autonómica está a desenvolver en contra do peche dos comedores escolares, a tarde do 21 de abril pais e nais de alumnos/as, delegados/as da CIG e membros da comunidade educativa levaron a cabo un encerro e un xantar reivindicativo no Colexio de Xunqueira de Espadañedo, de Ourense, un dos centros afectados pola decisión da Xunta de recortar persoal destinado a estes servizos.


Ás 13:30 horas daban comezo no colexio de Xunqueira de Espadañedo os xantares-protesta contra a decisión da Consellaría de Educación de pechar os comedores escolares de oito centros nas provincias de Lugo e Ourense e eliminar máis de setenta postos de traballo relacionados con este servizo. Armados con tortillas e empanadas, máis dunha trintena de pais xunto con delegados/as da CIG e membros da comunidade educativa acompañaron durante a hora xantar aos 16 escolares que habitualmente utilizan o servizo de comedor do centro.

Coa protesta quérese pór de manifesto o rexeitamento social a unha medida que suporá a destrución de máis de 70 postos de traballo e o peche de oito comedores escolares nos concellos de Calvos de Randín, Baltar, Xunqueira de Espadañedo, Montederramo e O Bolo (na provincia de Ourense), e Ourol, Ribeira de Piquín e Doiras, en Lugo.

A CIG-Administración Autonómica ten denunciado que estas supresións son un primeiro paso para a privatización dun servizo público esencial no rural que provocará a eliminación do servizo de comedor e obrigará aos rapaces e rapazas a desprazarse a outros colexios, incrementando os gastos en transporte.

Advirten ademais da posibilidade de que se substitúa o actual servizo público por outro de cátering de “dubidosa calidade”, seguindo a carreira de privatizacións emprendida polo Partido Popular. En todo caso, afirman que naqueles centros nos que se manteña o comedor, a Xunta “vai aforrar cartos a custo de cargar aos traballadores/as que permanezan coas funcións dos empregados eliminados”.

As protestas repetiranse o 22 de abril no colexio de Doiras, en Lugo, e a vindeira semana trasladaranse até Pontevedra e Ferrol.