333.431,19 € é a cantidade que vai saír dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o seguimento e control das accións formativas sectoriais e intersectoriais dirixidas a persoas traballadoras ocupadas no exercicio 2010. Así se recolle na Resolución de 25 de marzo de 2010 da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar pola que se convoca a contratación para a realización destas tarefas.

Este labor de control e seguimento é competencia da Subdirección  Xeral de Formación para  o Emprego, tal e como se recolle  no Decreto 335/2009 que establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Unha vez máis a consellería recorre á externalización de servizos para realizar labores propias e de carácter estrutural. No prego de prescricións técnicas establécese que o adxudicatario terá que constituír un equipo de traballo composto alomenos por catro persoas: catro traballadores x 3 meses = 333.431,19 euros, sen dúbida un aforro considerable para as arcas públicas!!! Está claro, van tratar de vender que é  moito máis custoso que estas tarefas sexan realizadas por persoal propio da consellería.

Na Xunta de Galicia onde a meirande parte das traballadoras e traballadores son mileuristas, esta política de externalización de servizos constitúe unha burla. Mófanse dos traballadores da administración, desprezan e rinse dos milleiros de persoas que están apuntadas as listas de contratación, persoas que aboaron as correspondentes taxas e que están a sufrir a maior parte delas o que supón o desemprego. Esta cantidade permitiría crear de xeito estructural nas RPT da Consellería 20 postos de traballo durante un ano.

Desprezan aos traballadores, desprezan o noso idioma, desprezan a sanidade pública, todo coa escusa dunha “xestión eficiente” dos cartos públicos. Os mesmos cartos que están a regalar aos afíns a través das asistencias técnicas, privatizacións, avais e subvencións a fondo perdido. Reparten cartos a moreas entre as grandes empresas e estas deslocalizan, especulan e despiden traballadores  sen que ninguén lles pida contas dos cartos recibidos.

Dende a CIG-Autonómica queremos denunciar este enésimo asalto ás arcas públicas por parte do goberno de Feijoo.