Novas por contido

Durante a reunión do pasado venres pediulles unha semana de prazo para resolver as deficiencias cando sabía que a resolución ía saír publicada o luns seguinte.

A CIG-Administración Autonómica quere denunciar o vergoñento trato que o Director Xeral da Función Pública está a dispensar aos opositores afectados polo proceso selectivo de promoción interna para o subgrupo C2 e á CIG, xa que durante a xuntanza entre ambas partes o pasado venres pediu a delegados/as sindicais e traballadores/as unha semana de prazo para resolver as reclamacións presentadas contra un proceso pouco transparente e rigoroso, cando sabía que a orde de resolucións das probas ía saír publicada no DOG ao luns seguinte.

O venres, 16 de abril, o Director Xeral da Función Pública recibía a delegados e delegadas da CIG e a opositores afectados e afectadas polo proceso selectivo da promoción interna que lle trasladaron o seu malestar por unhas probas cun desenvolvemento pouco transparente e carente de rigor. O Director Xeral da Función Pública solicitou entón a delegados/as e opositores unha semana de prazo para abordar co tribunal unha posíbel solución.

Entrementres, no departamento do DOG dábase a orde de publicar a Resolución das probas, que aparece no diario oficial o luns seguinte, 19 de abril, onde, segundo explican dende a CIG-Administración Autonómica, se adoptan as seguintes cuestións:

-Modificar no modelo de respostas publicado a contestación á pregunta número 17 do primeiro exercicio, de maneira que a resposta correcta é a letra C).

-Anular, con base nas alegacións presentadas, a pregunta número 18. Neste punto, dende a central advírtese que se puxo ningunha resposta de reserva como noutras ocasións, “claro que tampouco negociáramos que ía entrar unha proba de mecanografía como de feito caeu”.

-Que, de acordo co disposto na base II.1.1.1 da orde da convocatoria, os/as aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A este respecto lembrar que o Director Xeral pedira unha semana de prazo aos/ás opositores para resolver as reclamacións.

“Menos mal, que nos queda o recurso de alzada contra a face de pedra da Administración, para que petemos nela e siga pasando o tempo, o tempo do esquecemento”, critican.

Solicitude de cese inmediato

Diante destes feitos, dende a CIG-Administración Autonómica só atopan dúas explicacións: ou ben o Director Xeral estaba mentindo, ou conta que o tribunal poda sacar unha nova resolución que anule a anterior. “A que xoga o Director Xeral de Función Pública? Porque mentres, transcorre o tempo da “inexorábel máquina” da Administración, unha vez máis contra o/a traballador/a”.


Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...