Novas por contido

A CIG-Administración Autonómica presentou, en rolda de prensa, unha batería de propostas para reformar o sistema de funcionamento e actuación dos tribunais de selección, logo das irregularidades que foron detectadas e denunciadas nos últimos procesos. A CIG-Administración Autonómica pretende pór ao dispor da administración estas propostas para que sexan tomadas en consideración na Comisión Técnica Permanente, que ten encomendado presentar, nun prazo de dous meses un novo sistema de selección dos tribunais e as novas instrucións polas que estes terán que rexerse.


alt


Tras denunciarse irregularidades en varios procesos de selección de persoal da Xunta de Galiza, o Consello da Xunta aprobou unha serie de medidas que modificaban as instrucións de 2007, polas que se rexían até o de agora os tribunais de selección. Medidas coas se pretende evitar que estas irregularidades se repitan pero que son, ao entender da CIG-Administración insuficientes porque “non atallan as causas que provocaron esas irregularidades”, tal e como explicou na rolda de prensa e secretario nacional de CIG-Autonómica, Fernando García.

Por iso, desde a CIG-Autonómica elaborouse un paquete de propostas, recollidas en 6 puntos, que serán presentadas á administración na Comisión Técnica Permanente e que foron presentadas por Rafa Aguirrebengoa, secretario da área xurídica da federación de Administración.

1. A CIG-Autonómica considera que é fundamental para garantir a independencia dos tribunais de selección que os membros destes deixen de ser elixidos polo órgano convocante e pasen a ser designados mediante o sistema de sorteo entre os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza, agás un dos vogais, que será designado a proposta das organizacións sindicais.

A este respecto, Aguirrebengoa explicou que até o de agora todos os membros que compoñen os tribunais son designados pola administración, polo que a independencia non está garantida, máis logo de que se eliminara a presenza de membros propostos polas organizacións sindicais.

2. A CIG-Autonómica considera ademais que se deben agravar as causas de abstención  e recusación dos membros dos tribunais, engadindo a de estar ocupando un posto de libre designación ou en comisión de servizos, ou terse encontrado nesa situación nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria (o prazo de cinco anos é o mesmo que o establecido no artigo 5.1 das instrucións para o persoal que colabora na preparación de opositores).

3. A prohibición de que os empregados públicos de grupos inferiores que posúan a titulación exixida para o acceso ao corpo ou grupo obxecto de selección non está, para a CIG-Administración, xustificada. Consideran que esa restrición debe ser eliminada, pois o seu mantemento podería derivar en prácticas endogámicas e defenden un sistema de sorteo no que o ámbito persoal de potenciais membros sexa o maior posíbel, precisamente para evitar o xurdimento desas prácticas.

4. No caso do persoal laboral, consideran que artigo 11 do V Convenio remite a un futuro acordo sobre as formas de colaboración das organizacións sindicais no desenvolvemento dos procesos selectivos. CIG-Autonómica entende que a negociación debe desenvolverse nese marco, ao tempo que defende a conveniencia de que exista unha normativa homoxénea para persoal laboral e funcionario.

5. Débese revisar o carácter presidencialista dos tribunais, no sentido de reforzar o carácter colexiado do seu funcionamento e actuación, especialmente na elaboración dos exames. Se o tipo de exame o permite, deberíase articular un sistema de escolla aleatoria das preguntas dos cuestionarios, entre as propostas por todos os membros do tribunal.

6. É necesario engadir medidas de seguridade adicionais no fotocopiado e almacenamento dos exames, que debería facerse con medios da Administración e non mediante a contratación de empresas externas.

Ademáis, a CIG considera que a Dirección Xeral de Función Pública debe comprometer a participación efectiva da EGAP na elaboración e desenvolvemento dos temarios para uns procesos selectivos que terán que acomodarse nos seus contidos a fin de garantir que as persoas seleccionadas reúnen as características e coñecementos necesarios para os traballos e servizos que realizarán no seu traballo diario

Alén disto, a CIG-Autonómica lembra o cúmulo de circunstancias que fixeron que se chegara esta situación e que se aboara o campo para que “florecesen as irregularidades ou as disfuncións nos procesos selectivos”.

Neste sentido salientan “a decisión política de suprimir o coñecemento do galego das probas selectivas” o que levou á Dirección Xeral da Función Pública, “a unha carreira desbocada, contrarreloxo, que sen medir as consecuencias e camiñando ao filo da lei levounos a modificar as bases das convocatorias e impor un prazo de matriculación extraordinario. Con el abríronse as portas para quen cometeu fraude nas oposicións”, din.

Alén diso, afirman que a decisión, tamén política de impedir exercer a facultade das organizacións sindicais de propor un vocal nos tribunais, xunto coa designación política de tribunais con predominancia entre os seus membros de persoas que ocupan cargos de libre designación, “configurou un modelo de tribunais de obediencia cega, onde a independencia que lles debería ser propia é substituída pola submisión a quen lles concedeu a prebenda da libre designación”.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...