A  CIG-Autonómica denunciou o pasado 24 de marzo que a Consellaría de Medio Rural poñía os incendios forestais en mans dunha empresa privada e avanzaba o nome da empresa á que lle ían conceder ese contrato: NATUTECNIA S.L.

A empresa CONSULTORÍA NATUTECNIA S.L. é a adxudicataria provisional de dous dos tres lotes do concurso para a contratación do servizo de optimización da prevención de incendios forestais mediante a planificación estratéxica e a coordinación operativa.

A CIG-Autonómica xa denunciara que o prego de cláusulas administrativas e de condicións técnicas estaba feito como un traxe a medida desta empresa e, con esta acción se demostra a política clientelar que segue esta consellaría cando ata en concursos por procedemento aberto se sabe quen vai ser o adxudicatario.

Pero se o procedemento polo que se adxudicou deixa moito que desexar, o obxecto do contrato tamén nos indica a que tipo de xestión pública nos enfrontamos: privatizan funcións derivadas do exercicio das competencias que deben recaer sobre os órganos directivos da consellaría, como son a planificación estratéxica e a coordinación operativa. Aínda que o lote 1 onde figuraba como obxecto a análise e a planificación estratéxica quedase deserto, a intención da consellaría era privatizalo xunto coa coordinación operativa.

En definitiva, a Consellaría de Medio Rural, que en materia de incendios xa externalizou os seus brazos, permitindo que as contratacións da temporada de máximo risco se fagan a través do chiringuito SEAGA en vez de a través do persoal propio da Xunta, ven agora de externalizar a súa cabeza, dándolle a coordinación operativa dos incendios forestais a NATUTECNIA S.L.

A CIG-Autonómica estudará as accións legais a emprender ante o que entende como unha burla aos principios que rixen a contratación pública e un uso abusivo das asistencias técnicas para realizar tarefas de carácter estructural propias dos órganos directivos da consellaría.