A CIG AUTONÓMICA DE OURENSE SOLICÍTALLE A MEDIO RURAL QUE AS CONTRATACIÓNS DO VERÁN NO SPDCIF SEXAN POLAS LISTAS DE CONTRATACIÓN DA XUNTA E NON POR SEAGA.   

 Tal e como ocurriu na campaña pasada, o persoal laboral a contratar para a campaña do verán na defensa contra os incendios forestais (Pladiga 2010) que vai realizar a Consellería do Medio Rural van ser a través do chiringuito Servizos Agrarios Galegos, máis conocida por Seaga.

 A este goberno do Sr. Feijoó tanto lle dá ter que convocar na provincia de Ourense a 1.028 aspirantes das listas de contratación reguladas pola propia Xunta de Galiza para a realización de probas físicas e visuais e, uns días máis tarde dicer que o reforzo do verán será pola empresa Seaga. Tanto lle dá o tempo que invertiron os aspirantes das listas de contratación en prepararse para a súa superación e, o que consideramos o máis grave, a perda de diñeiro por parte dos integrantes das listas ao ter que abonar unhas taxas de inscrición para logo non seren contratados.  

 Recordámoslle a este goberno que cando estaba na oposición criticaba ao bipartito polas contratacións a través de Seaga. Pois ben, na campaña do 2009 fixeron o mesmo e este ano van polo mesmo camiño. Disto xa non se acordan, mellor dito,  fan oídos xordos. Si observamos o programa electoral do Partido Popular no tocante ao SPDCIF consta que as contratacións de reforzo do verán (Pladiga) serían efectuadas polas listas de contratación da Xunta de Galiza (Decreto 37/2006), tal e como se viña realizando ata a creazón do chiringuito Seaga polo bipartito. !!!Que axiña se esquecen dos compromisos cos traballadores e traballadoras da administración!!!

 Dende a CIG Autonómica de Ourense solicitámoslle a Consellería do Medio Rural a retirada a Seaga das contratacións do reforzo do verán do Pladiga 2010 e o restablecemento destas a través das listas de contratación da Xunta de Galiza, apostando deste xeito pola continuidade ou mellor dito, polo reforzamento dun servizo tan esencial coma é o de prevención e defensa contra os incendios forestais e, non por unha política privatizadora dos servizos públicos, camiño éste iniciado polo bipartito fai uns anos, denunciado polo PP a bombo e platillo no seu momento e, que agora estando no goberno danlle continuidade.

 ¡¡¡SR. DO PP, SERVIZOS PÚBLICOS SÍ, CHIRINGUITOS NON!!!

 Do mesmo xeito vimos a denunciar a actitude do goberno presidido polo Sr. Feijoó ante o despilfarro de diñeiro público pola privatización na dirección, programación e planificación do SPDCIF, pagándolle a unha empresa privada a cantidade de 900.000 €. Austeridade polo crise é o que reclamaba o goberno de Feijoó, xa vemos en que consiste a tál austeridade. Entendemos que dentro da administración ai persoal con coñecementos abondo como para facerse cargo da tal planificación dentro do SPDCIF.