Novas por contido

O concurso de traslados para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración Xeral da Xunta de Galiza, tralo pase polo penúltimo trámite da Comisión Superior de Persoal o luns 3 de maio, co voto a favor de UGT e CSIF e o voto en contra de CIG e CCOO, está xa sentenzado para a súa publicación no DOG que será con certeza en cousa de días (cando leas isto, é posíbel que xa o teñas no DOG).

Os sindicatos e Función Pública negociamos o concurso ao longo do mes de abril. Partiamos dun primeiro borrador infumábel que aos poucos foi mudando para ben tras aceptar a Administración parte das nosas extensas alegacións, mais que ao final deu un paso de cangrexo.

Tras recoñecer certa vontade negociadora en Función Pública, o feito de que se incluísen algunhas das nosas alegacións, que outras, despois dun compromiso previo botáranolas abaixo, e de que parte dos postos que podían ir a este concurso queden adiados a futuros concurso coa incerteza de garantías bastante fráxiles, queremos debuxar cales son as liñas mestras desta convocatoria.

O principal obstáculo foron as prazas: non podiamos aceptar un concurso no que se agochasen prazas (entre elas, os niveis 28 e 26, os postos abertos a outras administracións -A11- e moitos ocupados por persoal en adscrición provisional). Finalmente estamos ante o maior concurso en moitos anos (2010=1.598 prazas, 2007=1.307, 2004=1.141), no que segundo Función Pública se ofertan todas as vacantes existentes, incluídas as prazas de código A11 e as ocupadas en adscrición provisional. Quedarían fora do concurso as que están propostas para a súa amortización ou para sufrir cambios importantes nas relacións de postos de traballo e, especialmente, as prazas de niveis altos (28 e algunhas 26). Para estas últimas, comprometeuse Función Pública a negociar e convocar de inmediato un concurso específico ao que poida acudir todo o persoal, inclusive aquel que leve menos de dous anos no posto, previa modificación da Lei da función pública. Malia o compromiso adquirido nunha negociación de despacho, onde non está recollido en documento ningún que isto será así, e tendo en conta que esta Administración anula e suspende acordos cando lle ven en gaña,  a CIG non pode apoiar a aprobación de algo de tal relevancia baseado na expresión de boas intencións futuras, como si fan UGT e CSIF.

No que son as bases, tamén tivemos atrancos, avances a finalmente un retroceso:

  • na fase de resultas aceptaron que se poida escoller unha segunda localidade;
  • na formación corrixiron o número de horas mínimas dos cursos de formación mais non aceptaron substituir a actual valoración de tramos por outro mais xusto de número reais de horas de cada curso; aceptaron estender o recoñecemento aos cursos xenéricos de ofimática e non so aos particulares da empresa Microsoft, mais non engadiron novas modalidades xenéricas de cursos; recoñeceron o curso de nivel superior de galego, e os estudos das escolas oficiais de idiomas;
  • na conciliación, obrigatoria por lei, substituiron o restritivo “funcionario” polo mais xenérico “empregado público”, mais non outros modelos de familias como as monoparentais ou aquelas nas que o cónxuxe non sexa empregado público;
  • volven incluír a valoración da permanencia no posto ..


Esto son uns simples trazos, pois a explicación polo miúdo das moitas horas de discusións levaría varias decenas de páxinas.

Seguindo coas bases, houbo dous aspectos básicos que nos levaron a decidir finalmente o voto contrario da CIG:

  • Grao consolidado: o texto inicial partía dunha puntuación mínima baixa e premiaba significativamente os incrementos de grao. No proceso negocial a CIG solicitou, e función pública aceptou, aumentar a puntuación mínima e diminuir os incrementos. Mais a última hora recuaron co que volvemos á postura inicial da administración e CSIF. O que conseguen os nosos amigos foi poñer atrancos aos postos base, pois quen ocupasen xefaturas ou postos en libre designación levarán un plus no incremento da súa puntuación.


  • Antigüidade: dunha banda, non aceptaron a nosa pretensión de primar o tempo traballado na nosa administración respecto doutras, e ao tempo, recuou Función Pública no que previamente xa nos recoñecera, de darlle mais peso á antigüidade.

    Para entender esto último é preciso ter claro que nun concurso non importa a puntuación absoluta de cada apartado, senón a puntuación relativa respecto dos demais apartados. Partiamos dunha puntuación máxima por antigüidade de 4,5 puntos con 30 anos de servizo, ao que a CIG alegaba que era escasa en relación aos demais apartados (por exemplo, quen tivese o máximo de formación, tiña tantos puntos como quen tivese 20 anos de servizo).

    A proposta da CIG foi de incrementar a puntuación de antigüidade e acurtar o tempo para conseguir o máximo, e así nolo recoñeceu función pública, pois pasaron ao máximo de 5,5 puntos con 27,5 anos de servizo. Por contra, CCOO defendeu incrementar os anos para obter o máximo. Esto, que de primeiras parece mais xusto, so vai en perxuizo, precisamente, da antigüidade. Finalmente, como aceno cara CCOO, a cousa quedou en 5,5 puntos con 37,5 anos.

    A consecuencia do que satisface a CCOO é que cos mesmos anos de servizo, a maioría do funcionariado vai obter menos puntos por antigüidade. Esto é, que estirando a mesma puntuación, cada quen obtén, como é lóxico, diferentes puntos, pero todos sempre conseguirán unha puntuación absoluta menor e, por suposto, tamén unha puntuación relativa inferior. Esto é, que a antigüidade perde importancia en comparación a outros baremos.


En definitiva, que estamos ante un dos maiores concursos que lembramos en canto a número de prazas, que evolucionou positivamente dende os borradores iniciais, que finalmente empeorou en aspectos básicos xa conseguidos durante a negociación pola pouca visión de CCOO e o elitismo descarado do CSIF a favor de quen ocuparon postos de libre designación, e que adía para un concurso específico os niveis altos.

Chegados a este estado das cousas, a CIG non puido apoiar o presente concurso de traslados. So nos falta agardar polo cumprimento do compromiso dese concurso específico xa con novas relacións de postos de traballo, e pola reforma da Lei da función pública para garantir que todo o persoal poida participar nel así como para solucionar a situación de limbo en que se encontra o persoal doutras administracións.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.