Os sindicatos CIG, UGT, CSIF e CGT convocan ás persoas interesadas a asistir á asemblea que vamos realizar no edificio o venres 7 de maio ás 10:30 h para tratarmos a situación da escola infantil, decidir medidas a adoptar, e calquera outra cuestión do edificio que quixermos tratar.

Os convocantes queremos poñer en coñecemento do persoal da Xunta de Galiza en Pontevedra o noso malestar polas actitudes que dende fai un tempo está a ter o sindicato CCOO, ao que responsabilizamos da ruptura da unión sindical que está a atrancar o funcionamento do órgano de representación do persoal funcionario, a Xunta de Persoal.


alt
alt
alt
alt


Para os sindicatos asinantes, CCOO leva moito tempo rachando acordos unánimes e tomando decisións que so podemos entender como unha manobra de obtención de réditos eleitorais. O exemplo máis evidente o temos ante as demandas pola escola infantil do edificio de Pontevedra.

Cando no seu día o goberno comezou a deseñar o edificio, tivémonos que mobilizar ante a intención  dos responsábeis políticos da administración de que a escola infantil de Pontevedra fose cedida para a súa explotación por unha empresa privada. Nese tempo, todos os sindicatos, unanimemente, tomamos diversas accións, como foron: concentracións e peches en Presidencia. O resultado das accións conxuntas foi o compromiso de que a escola sería integrada na rede propia da Xunta.

Xa no novo edificio, os sindicatos presentes na Xunta de Persoal, incluída CCOO (con 2 de 23 representantes na Xunta de Persoal) decidimos coordenar as accións dispersas de cada organización para que os obxectivos comúns se puidesen conseguir. Houbo varias xuntanzas entre a Xunta de Persoal e responsábeis do edificio para discutirmos a escola e outros problemas, como foron a oficina de correos, os desprazamentos do persoal, o estado das instalacións, .. A primeira destas xuntanzas foi en novembro do 2009, e a Xunta de Persoal decidiu publicar unha nota informativa conxunta. Mais de inmediato nos atopamos con unha nota informativa de CCOO, obviando o acordo conxunto, co único e bastardo interese de facérense ver ante o persoal, ao que engadimos a cara dura de utilizaren no seu texto partes íntegras do borrador elaborado por outros membros da Xunta de Persoal para esa nota informativa conxunta. Este incidente repetiuse polo mes de febreiro, cando houbo unha segunda xuntanza.

O límite da nosa paciencia chegou o mércores 5 de maio, día en que tiñamos convocada unha xuntanza da Xunta de Persoal para artellar mobilizacións en Pontevedra. Ese día tivemos coñecemento dunha convocatoria de concentración unilateral de CCOO.

Se che interesa falar ou simplemente informarte sobre a gardería ou sobre calquer aspecto relacionado co edificio, acude á asemblea o venres 7 ás 10:30 h.