Nos vindeiros días será publicado no Diario Oficial de Galicia, o Acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais entre os representantes da Administración da Xunta de Galicia e os representantes das organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF.

Dende a CIG-Autonómica queremos protestar enerxicamente contra merma de dereitos que representa este acordo para os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia. É un acordo asinado a destempo xa que a administración decide modificar o acordo anterior antes de convocar as eleccións sindicais, polo que os compoñentes dos comités son un batiburrillo entre datos electorais, modificacións das RPT´s das consellerías e supresión de comités de seguridade e saúde.

Un feito importante a ter en conta é, que ca sinatura deste acordo o número de membros dos comités diminúen, pasando no ámbito das consellerías de un total de 78 delegados e delegadas de prevención a 64 co novo acordo; os centros de traballo seguen a ser os mesmos, provocando que a labor destes compañeiros sexa cada vez mais difícil, dado que por cada consellería son un reducido número e deben desprazarse para realizar as súas funcións por toda Galicia, dada a dispersión de centros de traballo da Administración (confrarías, residencias de maiores, centros de ensino, oficinas comarcais de Medio Rural, casetas de incendios, matadoiros, edificios oficiais, etc.).

Pero si é comprensible que a Administración propoña unha reducción dos delegados de prevención, o que non o é tanto é que CCOO, UGT e CSIF acepten a reducción do número dos mesmos. Que tipo de sindicatos son os que aceptan que a súa capacidade para velar polos dereitos dos traballadores/as se vexa minguada?

Hai que sinalar que isto se negociou na comisión de seguimento do Acordo de prevención, onde a CIG-Autonómica non está presente e que estes sindicatos gozan a maiores dun crédito horario de 240 horas mensuais para realizar tarefas de prevención e de representación dos traballadores que a CIG non ten. Un crédito horario que debería ser para todo os sindicatos maioritarios, xa que o que se pretende e a mellora da saúde dos traballadores e traballadoras e todos deberíamos poder traballar niso. É especialmente grave que algún sindicato asine isto despois de criticar que no Convenio Colectivo apareza a mesma cláusula.

E finalmente lembrar que asinaron ese acordo a pesares de acordar no mes de xuño coa CIG que ata as novas eleccións sindicais non se renovarían os delegados de prevención.