Desta volta en Vilasantar, delegados e delegadas da CIG-Autonómica, pais e nais, e traballadores/as do colexio de Présaras (Vilasantar) desenvolveron esta tarde un peche simbólico no centro CEIP de Présaras para denunciar o recorte de persoal dos comedores escolares que a Consellaría de Educación pretende levar adiante. A protesta contou tamén coa presenza da alcaldesa do Concello, Manuela García Freire, e dun concelleiro municipal, que amosaron o seu rexeitamento á política de supresión dos servizos públicos da Xunta.


Á protesta, enmarcada na campaña nacional desenvolvida en todo o País pola CIG-Autonómica en contra da privatización dos servizos públicos, tamén estaba convocada a comunidade educativa do CEIP Bragade e CEIP A Castellana, que igualmente se verán afectados pola supresión de postos de persoal laboral destinados a atender os servizos dos comedores escolares.

O recorte de persoal, subliñan dende a CIG-Autonómica, traerá, alén da destrución de postos de traballo, a eliminación de varios comedores nas zonas do rural, obrigando aos escolares a desprazarse até outros centros, ou mesmo a privatización do servizo a través da contratación de catering, de dubidosa cualidade.

Dende a CIG-Autonómica apuntan que estes recortes, “sustentados en criterios económicos de non rendibilidade”, contradín a política de asentamento nas zonas rurais que o goberno galego pretende fomentar. “Dificilmente se van beneficiar de medidas como estas aquelas persoas que vivan ou queiran trasladarse ao rural, cando se está a diminuír a prestación de servizos”, critican dende a Federación. "Por todo isto, dende a CIG seguimos opoñéndonos a esta política devastadora que só leva camiño do desafiuzamento do rural e non dunha política social comprometida co rural tal e como está a vender o goberno galego".

Moción no Concello

Así mesmo, o Concello de Vilasantar vai presentar esta tarde no pleno municipal unha moción de apoio ás reivindicacións da comunidade educativa, na que insta á Consellaría de Educación á manter as prazas e as prestacións que actualmente ofrece o comedor do colexio de Présaras. A moción será debatida e votada durante o pleno que se celebrará a partir das oito da tarde.