Concentración no CEIP de Curtis contra o desmantelamento dos comedores escolares e a perda de postos de traballo, coincidindo coa presenza do conselleiro de Educación e as conselleiras de Sanidade e do Mar

Delegados e delegadas a CIG desenvolveron esta tarde unha nova concentración contra o desmantelamento dos servizos públicos que pretende levar a diante a Xunta de Galiza, nomeadamente con motivo do recorte de persoal destinado aos comedores escolares. Desta volta a protesta realizouse no CEIP de Curtis coincidindo coa presenza no centro do Conselleiro de Educación, a Conselleira de Sanidade e a Conselleira do Mar.


Continuando co calendario de mobilizacións que a CIG está a levar a cabo en contra das pretensións da Consellaría de Educación de desmantelar o servizo dos comedores escolares, e aproveitando a presenza de varios conselleiros no CEIP de Curtis, delegados e delegadas da central trasladáronse até esta localidade para protagonizar nunha nova concentración en defensa do mantemento dos empregos e dos servizos públicos.

Curiosamente, a visita do Conselleiro de Educación, da Conselleira de Sanidade e da Conselleira do Mar no centro debíase á presentación dun novo programa para promover o consumo de peixe fresco nos colexios. E como mostra do xeito de entender o servizo público, a administración galega contratou parte da elaboración do menú de degustación a un cátering privado, cando o colexio ten un servizo de comedor (que se encargou de preparar o resto dos alimentos) propio.

A Consellaría de Educación ten intención de recortar o persoal destinado a atender os comedores escolares, o que suporá o peche deste servizo en varios colexios do País, principalmente asentados nas zonas rurais, ademais dunha perda importante de postos de traballo. Este recorte de persoal obrigará aos escolares a desprazarse até outros centros, ou mesmo significará a privatización do servizo a través da contratación de catering, de dubidosa cualidade e cun maior custo.