Novas por contido

A CIG-Autonómica achegou hoxe á Dirección Xeral da Función Pública a seguinte batería de propostas para mellorar e reformar os tribunais dos procesos selectivos,  unha vez que a Administración vén de constituír a Comisión Técnica para este fin:

1.º- Solicitamos que os membros dos tribunais deixen de ser elixidos polo órgano convocante e pasen a ser designados mediante o sistema de sorteo entre os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza, agás un dos vogais, que será designado a proposta das organizacións sindicais.


2.º- Consideramos que se debe engadir ás causas de abstención e recusación dos membros dos tribunais a de estar ocupando un posto de libre designación ou en comisión de servizos, ou terse encontrado nesa situación nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria (o prazo de cinco anos é o mesmo que o establecido no art. 5.1 das instrucións para o persoal que colabora en preparación de opositores).


3.º- Entendemos que a prohibición de que os empregados públicos de grupos inferiores que posúan a titulación esixida para o acceso ao corpo ou grupo obxecto de selección non está xustificada; consideramos que esa restrición debe ser eliminada, pois o seu mantemento podería derivar en prácticas endogámicas. Defendemos un sistema de sorteo no que o ámbito persoal de potenciais membros sexa o maior posible, precisamente para evitar o xurdimento das ditas prácticas.

4.º- No caso do persoal laboral, consideramos que o artigo 11 do V Convenio remite a un futuro acordo sobre as formas de colaboración das organizacións sindicais no desenvolvemento dos procesos selectivos. Entendemos que a negociación debe desenvolverse nese marco, ao tempo que defendemos a conveniencia de que exista unha normativa homoxénea para persoal laboral e funcionario.

5.º- Débese revisar o carácter presidencialista dos tribunais, no sentido de reforzar o carácter colexiado do seu funcionamento e actuación, especialmente na elaboración dos exames. Se o tipo de exame o permite, deberíase articular un sistema de escolla aleatoria das preguntas dos cuestionarios, entre as propostas por todos os membros do tribunal.

6.º- É necesario engadir medidas de seguridade adicionais no fotocopiado e almacenamento dos exames, que debería facerse con medios da Administración e non mediante a contratación de empresas externas.

7.º- A CIG-Autonómica considera que a Dirección Xeral de Función Pública debe comprometer a participación efectiva da EGAP na elaboración e desenvolvemento dos temarios para uns procesos selectivos que terán que acomodarse nos seus contidos a fin de garantir que as persoas seleccionadas reúnen as características e coñecementos necesarios para os traballos e servizos que realizarán no seu traballo diario.

8.º- Sen prexuízo de presentarmos as alegacións as instrucións vixentes que xuntamos neste documento, a CIG-Autonómica demanda a redacción dunha nova normativa que regule integralmente a organización do sistema de acceso á función pública galega.

9º.- Desde a CIG entendemos que a reforma e mellora dos procesos de selección de persoal pasa, ademáis, por aglutinar as competencias de convocar e organizar procesos selectivos a través dunha Axencia Galega de Emprego Público, concebida como un organismo da Administración autonómica con capacidade para organizar tanto os procesos selectivos dos organismos dependentes da Xunta de Galicia como os das Entidades Locais.


Ademais destas propostas, xuntamos as seguintes ALEGACIÓNS ás Instrucións relativas ao funcionamento dos tribunais de selección:

1º.- Modificar a redacción do punto 1 do artigo 4, substituíndoa pola seguinte:

“Os membros dos tribunais de selección serán designados mediante o sistema de sorteo entre os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galicia, agás un dos vogais, que será designado a proposta das organizacións sindicais. A composición do tribunal formará parte do contido das correspondentes bases da convocatoria, pudendo as propias bases remitirse para o seu nomeamento a un momento posterior, en cuxo caso a resolución pola que se designe o tribunal terá o carácter de anexo das ditas bases e se publicará no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos procesos selectivos de persoal laboral, estarase ao disposto no artigo 11 do V Convenio Colectivo Único.”

2.º- Engadir un novo parágrafo ao punto 2 do artigo 4 co seguinte texto:

“Non poderán formar parte de tribunais de selección os empregados e empregadas públicos que ocupen un posto de traballo cuxo sistema de provisión sexa a libre designación ou se encontren en situación de comisión de servizos, estendéndose esa prohibicións a aqueles empregados ou empregadas públicas que estiveren nesas situacións nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria.”

3.º - Eliminar o último parágrafo do punto 2 do artigo 4, no que se exclúe ao persoal dos grupos profesionais inferiores da posibilidade de formar parte de tribunais para o acceso a grupos superiores.

4.º- Substituír o texto da alínea a) o apartado 2 do artigo 29 polo seguinte:

“Na elaboración dos exames, o tribunal actuará colexiadamente. Se o tipo de exame o permitir, articularase un sistema de escolla aleatoria das preguntas dos cuestionarios, entre as propostas por todos os membros do tribunal.”

5º.- Substituír o texto da alínea d) o apartado 2 do artigo 29 polo seguinte:

“Os membros do tribunal, á hora de efectuar as propostas correspondentes, procurarán que as preguntas seleccionadas se refiran, de xeito equilibrado, ás distintas partes do temario ou programa das probas selectivas.”

6.º- Substituír o texto da alínea e) o apartado 2 do artigo 29 polo seguinte:

“Durante os tres días seguintes, o tribunal, colexiadamente, procederá a confeccionar dous supostos de exame. Se o tipo de exame o permite, a escolla das preguntas deberá ser aleatoria. O/A presidente/a extremará as medidas de seguridade na custodia das preguntas neste prazo de tempo. Sempre que sexa posible, a escolla aleatoria das preguntas realizarase o mesmo día do exame.”

7.º- Substituír o texto da alínea f) do apartado 2 do artigo 29 polo seguinte:

“O mesmo día da realización do exercicio, o tribunal reunirase novamente e realizará un sorteo mediante o que se determinará o suposto que constitúa o exame, procedéndose inmediatamente ao seu fotocopiado en número suficiente en función dos/as aspirantes admitidos/as, nas condicións establecidas no artigo 31.

Para os efectos da realización do sorteo previsto neste apartado, o/a presidente/a presentará  os diferentes supostos elaborados en sobre cerrado, efectuándose de tal forma que ningún dos membros do tribunal teña coñecemento do contido concreto de cada un dos supostos presentados. O sobre que conteña o suposto non elixido será custodiado polo/a presidente/a do tribunal ata que  que, unha vez rematado o exercicio, se procederá á súa apertura, en sesión pública. A solapa deste sobre será asinada polo/a presidente/a e secretario/a, así como polos membros do tribunal que así o desexen.”

8.º-  Modificar a redacción do apartado 3 do artigo 31:

“No suposto de que o elevado número de fotocopias non faga posible o labor de fotocopiado directamente polo/a presidente/a, coa asistencia do/a secretario/a, se é o caso, este efectuarase a través dos medios propios da Dirección Xeral da Función Pública. Para iso, o tribunal remitiralle, con antelación suficiente, solicitude ao respecto á citada dirección xeral, para que esta dea as instrucións correspondentes. O fotocopiado deberá realizarse no momento da realización do exame.”

9.º-  Engadir un novo parágrafo ao apartado 1 do artigo 36:

“A EGAP participará activamente na elaboración e desenvolvemento dos temarios dos procesos selectivos, que terán que acomodarse nos seus contidos a fin de garantir que as persoas seleccionadas reúnen as características e coñecementos necesarios para os traballos e servizos que realizarán no seu traballo diario“.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...